Chega a VI edición do Allariz de Medo
O Concello de Allariz celebra a sexta edición do Allariz de Medo, coincidindo coa festividade de Samaín, recuperada da antiga tradición celta.
Ánimas, meigas e seres do máis alá xuntaranse unha vez máis en Allariz durante a fin de semana do 28 de outubro e o 1 de novembro polas rúas do casco histórico. A ambientación das rúas estará acompañada por varias animacións durante estes días.
María López, concelleira de Promoción Económica e Eva Sampedro técnica de Promoción Económica presentaban na mañá de hoxe a sexta edición do Allariz de Medo e as actividades programadas para este 2022:
Repetirase a iniciativa o Xardín das Cabazas que estará localizado na Praza do Matadoiro dende o venres 28 ata o domingo 1, para que as crianzas coloquen a súa cabaza de Samaín. Segundo a lenda de Samaín as cabazas colocábanse iluminadas nos muros para que as ánimas que regresaban na noite de defuntos lembraran o camiño de volta.
O venres 28 comezará a programación cun Roteiro de Ánimas Infantís que partirá do alto da rúa de Santo Estevo e rematará no Alto do Portelo. Os nenos e nenas, de entre 6 e 12 anos, que queiran participar deberán anotarse no formulario que se atopará en allariz.gal/allarizdemedo. A capacidade do roteiro será limitada, e será ás 20:00h.
O sábado 29 as actividades comezará xa de mañá co Contacontos "Contos de medo que deixan durmir" de Caxoto Cativo será ás 12.00 h na praza do Matadoiro. Pola tarde teremos un obradoiro de decoración de cabazas, aqueles cativos que queiran participar deben apuntarse a través do formulario que está dispoñible na web allariz.gal/allarizdemedo/. Haberá dúas quedas entre as 18:00h e as 20:00h, prazas limitadas.
Xa para a mocidade a partir das 23 h no campo dos brancos estará a Discomóbil Apocalipsis, con DJ Markox Gon e Dj Paolo Seone que porán a nota musical neste sábado de medo .
O domingo 30, haberá animación de rúa que percorrerá as rúas de Allariz animando a vivos e non tan vivos. O luns 31 a Santa Compaña visitará as rúas de Allariz de 19:00h ás 20:00h no previo a noite de defuntos. e logo haberá música para todos os públicos na Praza Maior, para amenizar a noite defuntos,será a partir das 23:00h ata a 01:00h a cargo da Discomóbil Space.
O Concello de Allariz leva seis edicións celebrando o Allariz de Medo , atraendo ano tras ano a veciños e veciñas, e tamén a visitantes, que se achegan as rúas para contemplar as escenografías que recrean parte da tradición do Samaín. A concelleira María López recalcaba o importante que é coidar e manter estas tradicións sen necesidade de apropiarnos de outras que veñen de fora, facendo que as novas xeracións sexán participes destas festas.
Para máis información sobre as actividades, localizacións das ambientacións e demáis poderase consultar todo en allariz.gal/allarizdemedo/