Ourense Cidade

A CGT denuncia a discriminación de Renfe con Ourense

Galicia marxina aos Ourensáns en materia de transporte de Media Distancia e as medidas de gratuidade para servizos de proximidade que acaba de prorrogar o goberno estatal.

Óscar Gómez

Ourense | 07.10.2022 07:48

Avant Ourense | La Voz de Galicia

O SFF-CGT celebrou o anuncio da Ministra de Facenda de manter para o 2023 a bonificación e gratuidade de Cercanías, Rodalíes e trens de Media Distancia de titularidade estatal, no marco das políticas estruturais e tamén de transición ecolóxica. Mais dende a Sección Sindical de Ourense do SFF-CGT lamentamos que a repercusión destas medidas na provincia de Ourense sexan mínimas.

Ademais de sufrir a falta dunha rede de cercanías galega, a día de hoxe a Xerencia de SP-Galicia, Renfe Viajeros, segue sen restituír os servizos de Media Distancia previos a pandemia como se comprometera alá por maio de 2021. Polo que os usuarios do potenciais bonos recurrentes da maioría social da provincia non se poden beneficiar por falta de circulacións entre a cidade de Ourense e as comarcas do Carballiño, Ribeiro, Lemos ou Valdeorras.

Renfe non conta cos Ourensáns para a transición ecolóxica, e condénaos ao uso do coche particular para desprazamentos regulares e continuos entre os centros de traballo, estudios, sanitarios, administrativos e as súas vivendas, nun contexto de alza de prezos dos carburantes.

A aposta de Renfe por Ourense en materia de Ferrocarril centrase na Alta Velocidade, mais deixando a estación como un simple apeadeiro para transbordos. Outra vez son a falta de inversión en persoal e recursos materiais o que fan que as colas para adquirir un billete de tren saian do edificio e se extendan pola praza exterior da estación.

A estación de Ourense mantén dúas taquillas abertas para venda de billetes deixando unha terceira pechada para tal fin, sendo como é a estación que máis medra en tráfico de viaxeiros da comunidade galega. A xerencia négase e dar solución a unha medida tan sinxela como poñer en funcionamento o terceiro pupitre, o que axilizaría a atención ao viaxeiro considerablemente, solucionando problemas diarios na estación como perda de trens, e longas colas de espera.