Fundación Eduardo Blanco Amor vén de aumentar os seus fondos documentais coa cesión das cartas que o director, guionista e escritor Gonzalo Suárez recibiu do escritor ourensán con motivo da rodaxe da película Parranda, baseada na novela A Esmorga. Un xesto que agradeceu o presidente da Deputación e da fundación, Manuel Baltar, en tanto “non se trata de simples documentos, senón dun auténtico tesouro que vencella aínda máis o cinema a un xigante das nosas letras como Blanco Amor”.
As tres mensaxes cedidas forman parte da correspondencia persoal que mantiveron o director e o autor, “pero só estás refírense directamente á rodaxe dunha película que ten a Ourense, á Auria Blancoamoriana, como protagonista”, destacou Manuel Baltar.
Eduardo Blanco Amor traduciu A Esmorga ao castelán en 1973, optando por titular a súa obra como Parranda. Catro anos despois, en 1977, Gonzalo Suárez dirixiu a adaptación ao cine da novela coa participación dos actores Fernando Fernán Gómez, José Sacristán, José Luis Gómez e Antonio Ferrandis.
Coa súa achega, Gonzalo Suárez contribúe a desenvolver un dos principais obxectivos da fundación como é a conservación de toda a documentación relacionada coa figura de Blanco Amor, ademais dar a coñecer a relación do escritor co mundo do cine, que se suma así ás moitas actividades que realizou nos ámbitos da literatura, o xornalismo, as artes ou a fotografía.