Ourense Provincia

Celebración do XV Certame Galego de Bandas de Música

A cita celebrarase no Auditorio Municipal Ilduara o 3 e o 4 de decembro.

Óscar Gómez

Ourense | 23.11.2022 08:53

Celebración do XV Certame Galego de Bandas de Música | La Región

A Deputación de Ourense colabora coa celebración da XV edición do Certame Galego de Bandas de Música, que se celebrará o 3 e 4 de decembro no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova. O certame, que por primeira vez celebrarase fora de Santiago, contará coa participación de oito bandas de música, ten entrada gratuíta e poderase ver tamén por streaming.

O deputado Pablo Pérez participou esta mañá na Sala de Prensa da Deputación na presentación do certame acompañado polo alcalde de Celanova, Antonio Puga; o secretario xeral de Política Linguística, Valentín García; e o presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares -organizadora do evento-, Iván Estévez.

Na súa intervención, Pablo Pérez destacou que “é unha verdadeira honra para a Deputación apoiar este certame, que ten en Ourense e, concretamente, Celanova, o espazo ideal para a súa celebración”. O deputado remarcou a “enorme tradición que ten a cultura das bandas de música en Celanova”, con fitos como a propia escola municipal apoiada polo Concello e a Deputación.

Valentín García manifestou a “enorme satisfacción por ver como este certame chega a Ourense, unha provincia cunha fonda tradición nas bandas de música, elementos dinamizadores que vertebran culturalmente o país”. Pola súa banda, Antonio Puga agradeceu á Federación Galega de Bandas de Música Populares que escollera a vila celanovesa para celebrar este certame, destacando a tradición cultural de Celanova e a capacidade loxística e técnica para acoller este tipo de eventos.

Iván Estévez agradeceu na súa intervención o respaldo da Deputación, Concello e Xunta de Galicia, e sinalou a alta participación de bandas de música ourensás ademais da presenza da Banda de Lourenzá, nacida na pandemia.

Programación

O certame arrancará o sábado 3 de decembro no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova coa participación das bandas de Caldas de Reis (17,00 horas), Santádega (18,00 horas), a Banda de Lourenzá (19,00 horas) e a Agrupación Musical da Limia (20,00 horas).

Para o domingo 4 de decembro, pola mañá será quenda para a sección infantil, coa participación a mediodía da Chikiband -de A Limia- e a Banda de música infantil de Rubiós (12,30 horas). Pola tarde, actuarán a banda xuvenil da Escola de Música de Silleda (17,00 horas) e a Banda Xuvenil de Celanova (18,00 horas). A continuación celebrarase o acto de clausura, coa entrega de diplomas e premios, que pecharán un fin de semana no que tamén se dará conta do resultado do XV Concurso Galego de Composición, que conta con 44 propostas inscritas.