Ourense Cidade

O VI Car Outlet pecha con 108 coches vendidos e 3.500 visitas

Organizado por Expourense e A.C.AU.T.O. contou coa participación de 15 concesionarios que representaban a 23 marcas.

Óscar Gómez

Ourense |

O VI Car Outlet pecha con 108 coches vendidos e 3.500 visitas | expourense

Expourense ven de pechar as portas da sexta edición do Car Outlet Ourense con 108 coches vendidos e tendo recibido 3.500 visitas. Este salón organizado entre Expourense e a Asociación de Concesionarios Oficiais de Automóbiles de Ourense-ACAUTO está xa consolidada como una cita agardada polos expositores e tamén polos visitantes. Esta sexta edición contou coa participación de 15 concesionarios oficiais que representaban a 23 marcas e que ofrecían máis de 400 opcións.

O ratio de visita por venda de coche aumentou con respecto a outros anos, o que ven indicar o alto nivel de interese do público. Os visitantes deste salón acudiron durante estes tres días á feira con “clara intención de compra, cunha idea bastante clara do que viñan buscar e cun orzamento tope que se adapte ao que tiñan pensado investir”. A esta cifra de ventas pechadas no salón haberá que engadir as que se pechen durante os próximos días por parte dos “indecisos” durante a súa visita ó salón e tamén as xurdidas de contactos realizados durante a feira. Dende ACAUTO explican que o proceso de compra dun vehículo supón un importante desembolso para as familias que “veñen ao salón, miran, van para a casa a pensar e aos poucos días veñen ao concesionario pechar a compra, porque queren probalo antes ademais. Esta cita serve moitas veces máis toma de contacto que de venda directa e a transacción confírmase días despois”.

Esta foi a primeira das tres citas que Expourense organiza con ACAUTO. Como é habitual, no mes de novembro celebrarase tamén o Salón del Automóbil Novo (15 ao 17 de novembro de 2024) e o Salón do Automóbil de Ocasión (22 ao 24 de novmebro de 2024). Ambas as dúas citas celebrarán a súa 15ª edición.

Polo que respecta a actividade de Expourense, continúa este mesmo xoves 18 de abril coa celebración da segunda edición de Inspiro, un encontro sobre emprendemento entre o tecido produtivo e o ámbito educativo que o recinto organiza de forma conxunta coa empresa ourensá DixitalGou. A seguinte cita feiral será xa entre o 16 e o 18 de maio coa celebración da 12ª edición de Funergal, Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios