Deporte

O campionato do mundo de aventura atravesará 21 concellos ourensáns

Dos 630 quilómetros dos que consta a carreira, 260 discorrerán por terras ourensáns “e xa tiñamos ganas porque sen dúbida é a provincia máis potente e cos mellores escenarios para o deporte”, dixo Pablo López, director da proba.

Óscar Gómez

Ourense | 29.09.2021 09:33

O campionato do mundo de aventura atravesará 21 concellos ourensáns | onda cero

Preto de 100 equipos con case 400 deportistas procedentes de 27 países dos continentes europeo, americano e euroasiático competirán do 2 ao 9 de outubro na Raid Gallaecia-AR World Championchip 2021, nunha edición récord en canto a participación na historia das carreiras de aventura e onde Ourense vai ter un especial protagonismo, xa que dos 630 quilómetros dos que consta a proba 260 discorrerán por 21 concellos da provincia.

Manuel Baltar destacou que a inclusión da provincia nun campionato mundial “de altísimo nivel e cos mellores deportistas nesta especialidade demostra que o noso territorio é a plataforma perfecta para seguir implantando un ecosistema de turismo deportivo do que tanto falamos, pero que non é novo”. Esta proba, dixo, “e un paso máis nesa estratexia que iniciamos hai anos e que agora podemos dicir que está plenamente consolidada”, destacando que no balneario de Laias, onde se presentou o campionato, “comezamos a desenvolver esta filosofía de traballo atraendo a destacadas seleccións mundiais de remo e piragüismo para preparar os campionatos máis importante do mundo e ata os xogos olímpicos, e froito dese traballo de novo a estación de montaña de Manzaneda volverá a ser eixo deportivo”.

Pablo López agradeceu ao presidente provincial “o interese que desde o primeiro momento mostrou por un campionato ao que lle puxemos a etiqueta de carreira do reencontro, logo das limitacións impostas durante o período máis duro da pandemia”. Esta é a primeira vez que o campionato chega a Ourense, apuntou, “e xa tiñamos ganas porque sen dúbida é a provincia máis potente e cos mellores escenarios para o deporte”. Aínda que o trazado da proba permanecerá en segredo ata horas antes do inicio, López avanzou que os deportistas entrarán na provincia o sábado 2 de outubro por Valdeorras, atravesarán parte do macizo central pola serra de Queixa ata a estación de montaña de Manzaneda, descenderán en kaiak polos ríos Sil e o Miño ata o Ribeiro e continuarán en bicicleta.

A importancia da Raid Gallaecia-AR World Championchip 2021 tamén está avalada pola presenza de 8 dos 10 primeiros clasificados do ranking mundial das Adventure Racing World Series (ARWS) 2021. O evento conxugará orientación, aventura e resistencia nun percorrido de máis de 600 quilómetros nas disciplinas de trail, bicicleta de montaña, kaiak de mar e río, coastering e cordas.

A carreira, que atravesará as provincias da Coruña, Lugo e Ourense e máis de 50 concellos, sairá de Monforte de Lemos e terá a meta na capital herculina, pechando as ARWS, a carreira que outorga o título de campión do mundo. O ARWC 2021 conta coa inscrición de 94 equipos, o que supón 376 deportistas, procedentes de 21 países: España (35), Francia (13), Suecia (8), Estados Unidos (6), Gran Bretaña e Polonia (4), Colombia e Dinamarca (3), Bélxica, #Ecuador, Estonia, República Checa e Rusia (2), Alemaña, Brasil, Finlandia, Irlanda, Israel, Italia, México e Países Baixos (1). Ademais, como os equipos poden contar cun corredor doutra nacionalidade, a lista de países que estarán representados amplíase ata os 27, pois participarán atletas de seis nacións máis: Arxentina, Canadá, Letonia, Nova Zelandia, Suíza e Ucraína.

O tempo estimado do gañador é de ao redor de 90 horas (4 días) e a carreira seguirá aberta ata as 168 horas, pois a meta pechará o sábado, 9 de outubro, ás 12.00 horas, xusto unha semana despois de efectuarse a saída.