A campaña de prevención do cancro de pel sae a rúa na cidade de Ourense
Os casos de cancro de pel están a crecer máis rápido que calquera outro tipo. Insístese na importancia de aplicar medidas de prevención, como unha adecuada protección solar e unha boa vixilancia da pel.
A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) pon en marcha unha campaña de sensibilización e prevención do cancro de pel, coa colaboración do Concello de Ourense e a empresa concesionaria do servizo de transporte público de Ourense, Urbanos de Ourense - Avanza. O presidente da AECC Ourense, Germán Rodríguez Sáa, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o xerente da empresa, José María Díaz participaron esta mañá na presentación desta iniciativa na parada de autobús da Praza do Bispo Cesáreo.
Rodríguez Sáa explicou que a campaña quere contribuír á prevención do tumor que máis se detecta cada ano en España, o cancro de pel que, segundo explicou, medra cada ano en aproximadamente un 10%. Porén, afirmou, é “o máis previsible, polo que imos redundar na información que damos todos os anos, que a través dunha boa protección solar e a auto diagnose, podemos acadar liñas de prevención importantes”. Para isto, dixo, “hai que informar e comunicar” utilizando neste caso os autobuses urbanos de Ourense “para seguir diminuíndo as diagnoses e aumentando a prevención”. O presidente da AECC Ouerense expresou o seu agradecemento polos medios achegados por Concello e Urbanos de Ourense para desenvolver esta iniciativa e incidiu na vontade da asociación de “seguir traballando para que Ourense teña cada vez máis medios para diagnosticar, para previr e para curar o cancro”.
O alcalde, Gonzalo Jácome, agradeceu a colaboración da empresa Urbanos de Ourense, e destacou o traballo que realiza AECC: “é impresionante o labor admirable que fan, neste caso de información e prevención. Desde o Concello, o que nos toca é axudar en todo o que se poda. Quitarnos o sombreiro e que sexa unha concienciación importante e que cumpra a súa función”.