Ourense Cidade

O Campamento Urbano de Amencer celebra a 36 edición aberto a rapazada de 8 a 16 anos

Este “clásico do verán” ten o obxectivo de servir como espazo de encontro, de educación e de socialización no tempo de lecer.

Óscar Gómez

Ourense | 07.07.2023 07:54

O Campamento Urbano de Amencer celebra a 36 edición aberto a rapazada de 8 a 16 anos | onda cero

O luns, 31 de xullo, comezará a trixésimo sexta edición do Campamento Urbano organizado pola Asociación Xuvenil Amencer coa colaboración da Concellería de Xuventude do Concello de Ourense. “Un clásico de verán”, en palabras da concelleira Tamara Silva, dirixido a todos os nenos e nenas entre 8 e 16 anos que ten o dobre obxectivo de servir como espazo de encontro, de educación e de socialización no tempo de lecer, pero tamén de descubrir a cidade nas datas de verán.

Será o 36º verán ininterrompido de actividades no Campamento Urbano Infantil -de 8 a 16 anos, durante as mañás e as tardes- e do Campamento Urbano Xuvenil -para maiores de 15 anos, durante a noitiña- e que se desenvolverán até o venres, 10 de agosto. Nove días de actividades, con base no colexio Salesianos, nos que se que repetirán tradicións coma as de celebrar a Benvida , o Día da Boa xente, o dos Parques... e, dados os rigores do verán na cidade, con moitas actividades acuáticas.

“Son 36 anos: o modelo funciona”, aseguraba Xulio César Iglesias, director da Asociación Xuvenil Amencer, na presentación das actividades. O ano pasado participaron 600 rapaces, “que non son os números anteriores á pandemia, pero demostran que en Ourense segue quedando xente no verán”, dixo.

O Campamento Urbano de Amencer celebra a 36 edición aberto a rapazada de 8 a 16 anos | onda cero

Aberto, gratuíto e libre. Estas tres cualidades definen o Campamento Urbano de Amencer: aberto á participación de todos os rapaces e rapaces que o desexen, sen custe económico e coa liberdade de participar os días que se poida, segundo resumían os representantes de Amencer.

Por outra banda, a participación do voluntariado é imprescindible á hora de organizar estas actividades. Neste sentido, salientan que o perfil de persoa voluntaria é cada vez máis alguén que xa vén doutras edicións: “Os que fixeron gratis o Urbano, agora dan o seu tempo gratis para celebrar o Urbano”.

Inscricións abertas.

Malia que xa se superan as 300 persoas anotadas, as inscricións seguen abertas a través do espazo web https://amencer.org/2023/campamento-urbano-2023/ -tamén de forma presencial, por se alguén o precisase-.