O BNG urxe a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero na Galiza
Ourense, Lugo e Santiago de Compostela carecen deste órgano especializado a pesar de existir informes que sinalan a necesidade de avanzar na súa creación.
O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero na Galiza: Ourense, Lugo e Santiago de Compostela. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, incide na necesidade de comezar os trámites para incrementar os organismos especializado na materia despois de que a frente nacionalista coseguise recollelo no Acordo de Investidura e rexistrado diversas iniciativas no Congreso e emendas aos Orzamentos do Estado durante a lexislatura.
Nas últimas Memorias do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero reitérase a recomendación de “avanzar na especialización dos xulgados relacionados coa violencia contra as mulleres”. Tamén o Servizo de Inspección realizou numerosos informes en que se analizaba a necesidade de crear estes órganos instrutores e de axuizamento, a especialización ou mesmo a comarcalización dalgúns dos xa existentes. De facto, no caso concreto dos xulgados do penal recoméndase a creación de, polo menos, un xulgado en cada provincia.
“O BNG coincide coa necesidade de crear tres xulgados máis de violencia de xénero na Galiza. Por este motivo xa o incorporamos ao Acordo de Investidura a comezos da lexislatura e, de maneira continuada, rexistramos diversas iniciativas no Congreso e emendas aos Orzamentos para 2021, 2022 e 2023” destaca o deputado do BNG.
Ourense, Lugo e Santiago de Compostela son cidades que carecen deste órgano especializado a pesar da existencia dos numerosos informes que sinalan a necesidade de avanzar na súa creación. En opinión de Néstor Rego, se de verdade se quere traballar na loita contra a violencia de xénero o Ministerio de Xustiza debe comprometerse. “É preciso materializar este desexo en políticas públicas efectivas e prácticas. O Goberno debe cumprir os seus compromisos” sinala.
Agora, a frente nacionalista volve reclamar, a través de iniciativas na cámara baixa, comezar os trámites para a creación destes órganos xudiciais especializados e estabelecer un calendario para aclarar cando estarán operativos.
Servizos xudiciais insuficientes en Ourense
O voceiro municipal e candidato do BNG á alcaldía de Ourense, Luis Seara, recorda que a planta xudicial da cidade de Ourense a penas sufriron modificacións nos últimos quince anos. “Creouse un novo xulgado de primeira instancia, un xulgado social alén dunha praza de maxistrada para o civil mais resulta evidente que, a día de hoxe é insuficiente” recrimina Seara. A día de hoxe existe un colapso xudicial que provoca retrasos na resposta dos procedementos abertos.
“Se a este colapso engadimos o dato de que Ourense é a cidade en que, porcentualmente, máis aumentaron as denuncias por violencia machista cremos que está máis que xustificada a creación dun novo xulgado de violencia sobre a muller” reitera Seara. De facto, o candidato do BNG á alcaldía recorda o apoio unánime do consistorio municipal nunha moción presentada pola frente nacionalista, en setembro de 2022, para demandar a creación deste organismo especializado.