A rúa Pena Trevinca, no barrio de San Francisco, foi o primeiro lugar no que o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense instalou o que denominan “oficina itinerante” e coa que pretenden achegar a actividade municipal á veciñanza.
O principal obxectivo, segundo sinalan desde a formación nacionalista, “é estar a pé de rúa, ao carón da veciñanza, escoitando as súas queixas, demandas, reivindicacións ou suxestións e logo poder darlle traslado á institución. Queremos estar ao carón das veciñas e dos veciños”.
Para o cumprimento do citado obxectivo, desde o BNG sinalan que nas vindeiras semanas percorreran diferentes barrios da cidade xa axendados, nunha iniciativa que terá continuidade no tempo nos vindeiros meses, visitando todas aquelas zonas que queden pendentes nesta primeira fase. Así, o mércores 10 de abril, a oficina itinerante do BNG estivo pola mañá no barrio de San Francisco, concretamente na rúa Pena Trevinca, onde foron moitas as persoas as que se achegaron para departir cos Concelleiros e as Concelleiras nacionalistas sobre cuestións relativas ao barrio e ao Concello no seu conxunto.
Nas vindeiras semanas teñen previsto visitar O Couto, O Posío, Mariñamansa, As Lagoas e A Ponte, nos lugares e nas horas que irán dando a coñecer a través das redes sociais da formación nacionalista.