Nas últimas semanas e como consecuencia da pronta definición por parte da Xunta de Galiza das condicións para a integración das Escolas de enfermaría de Vigo, Pontevedra e Ourense na Universidade de Vigo, varios son os colectivos que temen que unha vez máis, a centralización prexudique os intereses de Ourense e propicie a perda de autonomía e capacidade funcional da actual Escola de enfermería de Ourense.
Segundo o Portavoz municipal do BNG Luís Seara, “o que temos neste momento enriba da mesa é a integración das Escolas de enfermaría de Vigo, Pontevedra e Ourense nunha facultade única descentralizada e con sede nos tres campus”, e engade, “por desgraza, en Ourense xa sabemos o que isto pode significar pois temos exemplos de como procesos similares acabaron debilitando o posicionamento do noso Campus”.
Seara entende que ante esta situación e “a preocupación crecente en torno ao que finalmente poida acontecer, o Concello de Ourense debe manifestarse e posicionarse claramente a favor do mantemento da Escola de enfermaría de Ourense, garantindo que a descentralización permita que a nosa Escola poida manter a súa autonomía, algo do que disfrutan o resto de centros da propia Universiade de Vigo”.
Desde o Grupo municipal do BNG proporán a través da Comisión de Pleno deste venres que se consensúe unha declaracións institucional ao entender que “estamos diante dunha cuestión que desde logo merece toda a nosa atención pola trascendencia que ten para o noso Campus e polo tanto, para Ourense no seu conxunto”.