O BNG presenta a campaña de apoio ao comercio local
A deputada Noa Presas, encargada da presentación da campaña, sinalou que “apoiar ao comercio local é unha das mellores maneiras de xerar riqueza para Ourense e para Galiza, de humanizar as cidades e impedir a desertización dos nosos concellos”.
Ás portas da Praza de Abastos nº1 de Ourense, un dos epicentros da actividade comercial da cidade, o BNG presentou a campaña de apoio ao comercio local impulsada como cada ano por estas datas. A deputada nacionalista Noa Presas, acompañada polo tamén deputado Iago Tabarés e polo Grupo municipal no Concello de Ourense así como por responsables da Organización, compareceu para dar conta dos principais obxectivos da campaña.
Noa Presas sinalou que é o momento de “apoiar ao comercio local é unha das mellores maneiras de xerar riqueza para Ourense e para Galiza, de humanizar as cidades e impedir a desertización dos nosos concellos. Está na nosa man modificar hábitos, potenciar a nosa economía e dar saída á produción galega que é de extraordinaria calidade”.
“No BNG defendemos que o consumo e a aposta polos produtos galegos ten que ser unha prioridade na política económica, de comercialización e mesmo de comunicación da Xunta de Galiza”, e engade, “queremos animar ás e aos ourensáns a que aproveiten estas datas para acudir ao comercio local para a súa dinamización e para o seu fomento”.
A deputada por Ourense ten claro que a campaña impulsada polo BNG “fai o que lle correspondería ao Goberno galego e impulsámola porque nestas datas increméntase notablemente o consumo e porque coincide ademais coa peor crise da historia do comercio local, con datos que son absolutamente demoledores”.
E é que tal e como sinalou Presas durante a súa comparecencia, “estamos a sufrir unha crise de prezos que no caso de Galiza é moito máis acuciante que no resto do Estado, o que orixina que os custes de erguer cada día a reixa dos negocios sexan maiores polo que é preciso un apoio extra ao sector”.
No caso concreto de Ourense, os datos tal e como sinalan desde o BNG son clarificadores. “segundo os últimos datos do INE, nun so ano destruíronse máis de 1.500 pequenas empresas e se abrimos o foco e avaliamos os datos dos últimos 14 anos de goberno do PP á fronte da Xunta de Galiza, as cifras son aínda máis arrepiantes pois destruíronse en Ourense 5.400 postos de traballo de emprego autónomo”. NOTA DE PRENSA
Noa Presas ten claro que é necesario “facer un esforzo extra, un esforzo que non fixo o Goberno do PP ao longo destes anos e unha proba máis é que no Orzamento previsto para 2024 a partida adicada ao comercio local é aínda 4 millóns de euros menor do que había en 2009, deixándose de investir nos últimos anos ao redor de 239 millóns de euros”.
No BNG apelan a un cambio de modelo e comprométense a “impulsar medidas activas como un plan de dinamización específico para a súa modernización así como un plan para garantir o relevo xeracional xa que é un dos principais problemas que ten que enfrontar o pequeno comercio así como un plan de choque ante o gran incremento dos custes financeiros e de acceso ao crédito”.
Presas anuncia que estamos diante de tres medidas trasladadas ao Parlamento galego e vetadas até o momento polo PP pero nas que “insistiremos a vindeira semana pois este é o momento de rescatar ao comercio local de Ourense e o do resto do país”.