O BNG pide explicacións polo pago de máis de 78.000 euros en comisións bancarias
No BNG adiantan que pedirán en Xunta de Área acceso aos requerimentos efectuados ás entidades bancarias para a devolución dos importes cargados ao sospeitar que aínda non se efectuaron
Do estudo pormenorizado feito polo BNG do informe de liquidación orzamentaria do exercicio de 2021, ademais de certificarse a nefasta xestión do actual Goberno PP-DO, co grao de execución máis baixo nos últimos 11 anos, apenas o 41,59%, obsérvase tamén a deixadez do executivo local á hora de controlar e optimizar os recursos públicos.
Así, segundo o Grupo Municipal do BNG, e tal e como se recolle no informe, no pasado exercicio foron cargados ao concello en concepto de comisións bancarias, nada máis e nada menos que 78.498,63 euros, cantidade que non corresponde coas condicións fixadas inicialmente. Tanto é así que no propio informe afírmase que a Tesourería Municipal manifesta que "trátase de cargos indebidos por non corresponder ás condicións remitidas polas entidades, o que motivou o requerimento ás entidades para a devolución dos importes cargados en exceso".
Desde o BNG xa anuncian que na vindeira Xunta de Área de Facenda pedirán explicacións á concelleira delegada por un feito que consideran grave e ilustrativo da "falla de xestión política e control sobre os cartos públicos" xa que desde a formación nacionalista entenden que "o lóxico é sentarse coas entidades bancarias a principio de ano e renegociar as condicións".
No BNG teñen serias dúbidas de que se realizasen as xestións pertinentes para solicitar a devolución das cantidades referenciadas xa que tal e como afirma o portavoz Luis Seara, "a administración non fala, escribe, polo que pediremos acceso, vista e copia aos requerimentos efectuados para certificar que se reclamaron ditas cantidades".
De non ser así, advirten que esixirán responsabilidades políticas ao entender que non é admisíbel que "o concello permita que empresas ou particulares se aproveiten da deixadez do Goberno para levarse cartos públicos que non lle corresponden", ao que engaden, "estamos diante dunha proba máis da desidia do actual Goberno Local, un goberno que vive da propaganda constante ao tempo que dilapida recursos