O BNG levará a pleno a xestión do patromonio arbóreo do concello de Ourense
Tal e como afirma o BNG na súa moción, desde o inicio do actual mandato son constantes as referencias feitas á situación na que se atopan as zonas verdes, os parques e os xardíns esparexidos ao longo de todo o termo municipal.
Segundo a concelleira Rhut Reza, “a xestión do mantemento das zonas verdes daría para un intenso debate xa que en contra do que se dixo no momento de adxudicar o actual contrato no que se ampliaban as zonas de actuación da adxudicataria en prexuízo dunha cada vez máis mermada brigada municipal, a situación e o estado de conservación dos nosos espazos verdes, lonxe de mellorar ou mesmo manterse, degrádase cada vez máis, resultando ser espazos pouco atractivos e inseguros para a veciñanza”.
Reza engade, “teñen sido varias as incidencias acaecidas coa caída de árbores de diferente tipoloxía e porte ao longo de todo o municipio, nalgúns casos mesmo coa consecuencia de ter afectado directamente ás persoas de maneira graves”.
Para a formación nacionalista “a xestión medioambiental no referido á conservación dos espazos verdes, dos xardíns ou da masa arbórea non se debe limitar exclusivamente a segar a herba, substituir prantas ou podar cando se considere. Cómpre ter unha mirada integral e adaptada aos efectos do cambio climático cun mantemento que promova a biodiversidade e levar a cabo toda unha serie de procedementos encamiñados, sobre todo, ao mantemento do bo estado de conservación e saúde destes seres vivos porque non esquezamos que si, estamos a falar de seres vivos que configuran os nosos espazos verdes”.
É por iso que, segundo o BNG, cómpre a posta en marcha dun Plan de xestión do patromonio arbóreo do concello. A través del, afirman, regularanse as actuacións que afecten ao arborado segundo o establecido previamente na súa ficha, é dicir, obras, podas, singulariedades, valor económico e mesmo patrimonial, etc. Dentro do Plan e como instrumento que aglutina toda a información referenciada con anterioridade debe figurar, necesariamente, un catálogo de especies arbóreas.
Dito catálogo é moito máis ca un simple inventario onde aparezan numeradas as árbores existentes ao longo do termo municipal. No catálogo deberán aparecer pormenorizadamente as características, a evolución e o estado de conservación de cada unha delas así como o historial dos traballos realizados sobre elas. De entre os obxectivos do catálogo están tamén a definición das especies arbóreas idóneas para o desenvolvemento urbano e para o deseño das cidades.
Rhut Reza di que “desde o BNG levamos moito tempo reclamando a necesidade de elaborar este catálogo pola importancia que ten e por ser un instrumento tremendamente útil á hora de planificar desde o punto de vista medioambiental e arbóreo a propia cidade”.
Por todo o anterior é polo que o BNG pedirá no Pleno previsto para este venres a implementación dun Plan de xestión do patrimonio arbóreo do Concello de Ourense co obxecto de coñecer o estado e características de cada unha delas, facer o seguimento e o mantemento correspondente e para determinar as especies máis acaídas para cada zona do termo municipal.