Ourense Cidade

O BNG instará ao Concello a unha mellor atención administrativa das persoas migrantes

O Grupo municipal do BNG tamén pedirá que o Goberno Local poña a disposición das embaixadas e consulados que o soliciten, un espazo municipal para que poidan establecer oficinas temporais de atención cidadá.

Óscar Gómez

Ourense |

O BNG instará ao Concello a unha mellor atención administrativa das persoas migrantes | onda cero

A ILP “Regularización xa”, foi promovida por un movemento estatal formado por colectivos e organizacións de persoas migrantes, racializadas e autoorganizadas en torno á esixencia de dereitos sociais, políticos e económicos para as persoas migrantes.

O obxectivo da iniciativa presentada era conquerir que o Congreso dos Deputados tramitara a Iniciativa Lexislativa Popular e poder acadar o acceso a dereitos básicos de aproximadamente medio millón de persoas en situación de irregularidade administrativa e de exclusión legal e social e que residen no Estado Español neste momento.

Finalmente foron ao redor de setecentas mil as sinaturas recollidas, o que permitiu que a Iniciativa entrase no Congreso dos Deputados e puidese polo tanto iniciar a súa andaina parlamentar. Desde o primeiro momento, contou co apoio do BNG, quen xunto a outros Grupos políticos, facilitou que as demandas e reivindicacións do colectivo migrante, tivesen eco nas Cortes Xerais.

E é que tal e como relata o BNG na exposición de motivos da súa moción, “a repercusión que o fenómeno migrante está a ter tanto na provincia no seu conxunto como no Concello de Ourense en particular é máis que evidente”, e engaden, “a chegada de persoas procedente doutras latitudes, fai que as administracións e polo tanto, o Concello, teñan que artellar medidas e estratexias encamiñadas ao asesoramento e a integración destes colectivos na nosa sociedade para a súa rápida adaptación e poder evitar deste xeito que sexan excluídas e excluídos e estean a marxe da vida e do día a día do Concello”.

Segundo os nacionalistas, “os últimos datos coñecidos son contundentes a respeito da importancia que o colectivo migrante está a ter en Ourense. Logo de 24 anos de perda continuada de poboación, Ourense aumentou o seu número de habitantes grazas, fundamentalmente, á chegada de migrantes. A provincia pecha o ano 2023 con preto de 42.000 extranxeiros no seu censo ou o que é o mesmo case o 14% do total, sendo até preto de 4.000 persoas as que chegaron”.

Outra das reclamacións, ten a ver, segundo sinalan desde a formación nacionalista, “coas dificultades á hora de levar a cabo calquera trámite administrativo nas embaixadas ou consulados, debido fundamentalmente á ausencia de oficinas permanentes en Ourense de boa parte dos Estados de orixe, polo que entendemos que o Concello debera contribuir a paliar esta situación establecendo contacto coas embaixadas e consulados para ofertar a posibilidade de que nunha dependencia municipal, poidan establecer oficinas temporais de atención e facilitar deste xeito a realización de trámites sen ter que desprazarse a outras cidades galegas ou mesmo do Estado”.

O terceiro dos puntos de acordo da moción do Grupo municipal do BNG, solicita o aumento do persoal na Oficina de extranxería da Comisaría provincial, “xa que a súa escaseza, provoca longas listas de agarda para trámites sinxelos pero moi relevantes para o día a día das persoas”.