Economía

O BNG exixe á Xunta a creación dun Foro coa industria, para fixar prezos do leite

Xosé Luís Rivas apela “á unidade do sector” para acabar cos contratos que obrigan ás e aos produtores a admitir que o prezo pagado cobre os custes de produción e remontar a crise.

Óscar Gómez

Ourense | 05.11.2021 08:03

O BNG exixe á Xunta a creación dun Foro coa industria, para fixar prezos do leite | onda cero

O portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas rexistrou unha iniciativa parlamentaria para reclamar á Xunta un Foro, ou á “Mesa do Leite” coa representación de todos os actores da cadea de produción, obtención e derivados co fin de “fixar prezos xustos” para as e os produtores.

A iniciativa nacionalista tamén demanda do Goberno do Estado, no desenvolvemento da Lei da Cadea Alimentaria, “dotar aos sectores produtivos dunha ferramenta obxectiva que fixe uns custes de produción de referencia vinculantes e obrigatorios”.

Ante a crise do sector do leite agravada polo incremento da enerxía e os combustible ao que sumou ás subidas de prezo dos insumos, o deputado do BNG fixo un chamamento á “unidade” como a amosada polo sector no ano 2015 para reclamar “un prezo marco do custe de produción”. Neste sentido denunciou “que algunhas industrias obrigan ás e aos produtores a admitir que o prezo pagado cobre os custes de produción”.

Para o nacionalista, “se suben os custes de produción deben subir os prezos” e criticou que no Estado español prime o viño, o aceite, o xamón serrano e o queixo de ovella, mentres o leite en Galiza sigue sen protección. Neste sentido, volveu a apelar á unidade do sector e a responsabilidade da Xunta para reunir as e aos produtores cosas industrias ao fin de establecer criterios para fixar “prezos xustos” .

Ante os medios de comunicación, Rivas volveu a denunciar “os contratos ilegais por parte dalgunhas industrias” nos anos 19 e 20 nas que incluían “unha cláusula obrigando ao produtor a asumir un prezo que lle cubría os custes de produción” e que ese contrato non podía ser denunciado porque era “confidencial”. Este problema, dixo, agudizase co incremento dos prezos no ano 2021, “100 euros de incremento para a Tm de solla, o millo sobe un 55% en tonelada, o trigo 114 euros por tonelada e a cebada o dobre do seu custe” ao que sumou unha subida do combustible de 55 céntimos a 85 e a luz en máis do 50%.

Todos estes factores, explicou o nacionalista, representan o 60% do custe de produción dun litro de leite que en Galiza págase a 32 céntimos. Para non perder cartos é preciso pagar entre 5 e 8 céntimos máis por litro. Na actualidade, as explotacións manteñen os contratos de maneira anual, tanto para abonos como combustibles pero eses contratos expiran no mes de decembro no que serán abordados “novos prezos e condicións” polo tanto, no mes de xaneiro o problema vaise agudizar ante os diferentes incrementos, “6.540 explotacións lácteas que aínda quedan neste País corren serio perigo de peche e elas producen o 45% do leite de todo o estado” advertiu.

Mini tamén criticou a “negativa” da Consellería de Medio Rural a arbitrar unha xuntanza con todos os axentes do sector. Reúnese coa industria, coas cooperativas, cos e coas produtoras pero, “sempre por separado”.

Galiza representa o 45% da produción láctea co “mellor leite en contido proteico e graxa” e cobramos entre 3 e 4 céntimos por baixo dos prezos que se están a pagar no Estado español”, denunciou o nacionalista