O BNG exixe ao Goberno do estado actuacións urxentes na N-540
Néstor Rego insiste en que a N-540 non pode continuar nun estado de abandono que compromete a seguranza viaria e reclama contar con infraestruturas dignas e en condicións axeitadas.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado actuacións urxentes na estrada N-540 após os importantes danos ocasionados polas sucesivas borrascas e fortes temporais de choiva que veñen afectando á Galiza desde o pasado mes de novembro.
A formación nacionalista alerta do deterioro acelerado desta vía, especialmente ao seu paso por terras lucenses, onde as desfeitas no firme obrigaron a limitar a velocidade a 40 quilómetros por hora en varios treitos. A acumulación e erosión da auga agravaron o xa deficiente estado da estrada, ampliando fochancas, provocando novas fendas e empeorando de maneira xeral a seguranza viaria.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, subliña que “a N-540 é unha infraestrutura fundamental para a conexión entre Ourense e Lugo, a única vía de comunicación directa entre ambas cidades mentres non se complete a A-56, polo que resulta inaceptábel o abandono ao que está sometida”.
Rego lembra que o BNG leva tempo reclamando un plan integral de rexeneración e mellora da N-540 que dea unha solución definitiva aos numerosos tramos con fochancas e firme deteriorado, nomeadamente no tramo entre Chantada e Lugo, así como en distintos puntos do territorio ourensá.
“O mal estado da vía non só dificulta a mobilidade, senón que está a provocar un incremento dos accidentes desde 2024 e danos constantes nos vehículos, co conseguinte prexuízo económico para as persoas usuarias” denuncia.
Neste contexto, o BNG demanda ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel que realice de maneira inmediata unha inspección técnica completa da N-540 para avaliar os danos causados polos temporais e identificar os puntos que requiren intervención urxente. Así mesmo, exixe que se confirme oficialmente o empeoramento do firme nos tramos que xa presentaban un elevado nivel de deterioro, especialmente entre Chantada e Lugo.
A organización nacionalista reclama tamén que se leven a cabo reparacións de emerxencia nos puntos máis afectados e que se activen, sen máis demoras, actuacións de rehabilitación e reforma estrutural nos treitos danados. “Non abonda con limitar a velocidade; cómpre actuar con responsabilidade e garantir condicións de seguranza axeitadas” sinala o deputado.
Ademais, o BNG solicita información detallada sobre o estado actual das obras de rehabilitación estrutural do firme entre os puntos quilométricos 0 e 68,9 en Lugo, iniciadas en 2024 e cuxos prazos de execución foron ampliados o pasado ano. “O Ministerio comprometeuse a reducir os prazos durante a execución das obras, mais a realidade é que a situación da estrada segue a empeorar. É necesario concretar calendarios e garantir o cumprimento dos compromisos adquiridos” sentenza Néstor Rego.