O BNG denuncia deficiencias nas obras da rúa Ribeiro de Canedo
Desde o BNG fan referencia aos anegamentos que se producen entre a beirarrúa e a calzada na marxe esquerda, o que provoca graves problemas para a veciñanza e os peóns que por ela circulan os días de choiva.
Desde o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense cuestionan as obras executadas na rúa Ribeira de Canedo, no barrio da Ponte xa que lonxe de arranxar os problemas que tradicionalmente tiña esta rúa e que eran motivo de queixas veciñais, estes acrecentáronse tralas obras de mellora do firme.
O principal problema e a principal queixa veciñal, aseguran desde a formación nacionalista, ten que ver co feito de que a rede de sumidoiros permanece instalada ao carón da beirarrúa da marxe esquerda se vímos desde a Ponte Nova e ímos cara a Ponte Vella. Xa antes da reforma da rúa, este feito, unido a que a calzada inclínase cara ese lado, fai que cando chove toda esa marxe ao carón dos bordos da beirarrúa estea anegada de auga.
Este feito provoca que co paso dos vehículos, as persoas que transitan por esa marxe, así como os portais situados nese lado da rúa, sufran continuas salpicaduras, facendo intransitable o paso.
Desde o BNG denuncian que as obras proxectadas e recentemente executadas non tiveran en consideración esta problemática xa coñecida, pois así o ten manifestado a veciñanza. Pero para os nacionalistas é un feito que moitas das obras que se executan en rúas da cidade non están servindo para solucionar problemas, chegando nalgúns casos mesmo a crealo. Este feito, aseguran, ten que ver co afán do alcalde por facer obras pero sen proxectalas correctamente nin atendendo ás necesidades reais e as demandas veciñais.
Segundo denuncia o BNG, o caso da rúa Ribeira de Canedo non é único xa que moitos dos traballos executados en diferentes rúas da cidade, adolecen de claras deficiencias de execución, o que obriga, nalgúns casos, a ter que refacer as obras.