Desde o Grupo municipal do BNG reclamouse en múltiples ocasións ao Alcalde do Concello que “liderara a reclamación das modificacións e dos axustes necesarios no proxecto de integración do AVE na cidade”.
Para a formación nacionalista, tal e como manifesta o seu Portavoz Luís Seara, “cómpre que todas as administracións implicadas, sobor de todo, Concello, MITMA e ADIF, senten para corrixir as eivas dun proxecto que é estratéxico para Ourense e que terá un fortísimo impacto na configuración da trama urbana da cidade”. Seara reitera a necesidade de “abordar o traslado das mercadorías ao Polígono de San Cibrao, algo no que existe total consenso, así como o traslado da praia de vías cara a rúa Río Arnoia que permita liberar máis de 100.000 metros cadrados de solo e mesmo o proxecto do novo paso sobre as vías en Peliquín e que tanto malestar está a xerar entre a veciñanza”.
O Goberno Local, en resposta as solicitudes efectuadas polo BNG nos últimos meses, ven de remitirlle copia das cartas enviadas pola alcaldía tanto á Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de entón, como á presidenta de ADIF, ambas datadas o 27 de outubro de 2023 sen que, segundo afirma o Goberno Local, a día de hoxe se obtivera resposta.
Para Luís Seara esta situación amosa “o desprezo absoluto tanto do MITMA como de ADIF non a figura do Alcalde en sí, senón a unha institución como é o Concello de Ourense e por extensión a toda a veciñanza no seu conxunto”. E engade, “estamos diante dun proxecto de enorme relevancia que precisa consenso e diálogo e parécenos inconcebible que un Ministerio e unha empresa pública como é o ADIF non accedan a reunirse co Concello da terceira cidade de Galiza”.
O BNG de Ourense anuncia que a través dos seus representantes tanto no Congreso dos Deputados Néstor Rego, coma do Senado, Carme da Silva, “instaremos ao Estado para que dea unha resposta e se sente a falar co Concello de Ourense pois independentemente de quen o goberne, e desde logo o BNG non é sospeitoso de ser cómplice de Jacome, o que está en xogo é o futuro de Ourense e iso está por riba de calquera outra consideración”.