O BNG alerta do risco das choivas nas zonas queimadas e exixe actuacións
Carme da Silva require coñecer os prazos e actuacións reais que se están a cometer por parte do executivo estatal para a restauración do medio.
A senadora do BNG, Carme da Silva, reclama novamente que o Ministerio para a Transición Ecolóxica explique con claridade en que están a consistir as actuacións declaradas de emerxencia, que tipo de traballos hidrolóxicos e forestais se van desenvolver e con que criterios técnicos se están a priorizar as zonas de intervención.
“O contexto actual de choivas intensas na Galiza fai aínda máis urxente actuar” advirte Da Silva, quen subliña que “a ausencia de medidas inmediatas incrementa o risco de erosión severa, perda de solo fértil e arrastre de cinzas e sedimentos cara aos ríos, con impactos directos sobre os ecosistemas fluviais e sobre a seguridade das poboacións”.
Carme da Silva reclama información concreta e desagregada sobre os traballos previstos nos concellos da Mezquita, Chandrexa de Queixa e Oímbra, así como o inicio inmediato das actuacións anunciadas, tendo en conta que foron declaradas de emerxencia precisamente para evitar a agravación dos danos ambientais tras os incendios.
Así mesmo, a organización nacionalista demanda que o Goberno do Estado amplíe as actuacións a outras zonas da bacía da Confederación Hidrográfica Miño-Sil que tamén sufriron incendios e que a restauración non se limite a intervencións puntuais, senón que vaia acompañada dun incremento real dos investimentos por outras vías unha vez superada a fase de emerxencia.
Carme da Silva insiste tamén na necesidade de que estas actuacións estean plenamente coordinadas coa Xunta de Galiza e cos concellos afectados, lembrando que, malia a implicación necesaria do Estado, “a competencia principal en materia forestal e de ordenación do territorio recae na Xunta, que debe asumir a súa responsabilidade e mudar dun xeito radical unhas políticas forestais e de prevención marcadas polo abandono do medio rural”.
“O abandono, a falta de xestión do territorio e a ausencia dunha política forestal ao servizo do país son o caldo de cultivo perfecto para a repetición dos grandes incendios nun contexto de cambio climático. A restauración das zonas queimadas non pode quedar en anuncios sen contido nin chegar tarde” sentenza a senadora do BNG.