O BNG advirte das gravísimas consecuencias económicas do paso de Jácome pola alcaldía
ara os nacionalistas, os expedientes de xeración de crédito para a execución de 34 obras nos que acaba de “desistir”, son unha trampa máis que evidencian a núla capacidade de xestión do actual rexedor, quen nunha fuxida cara adiante, segue a anunciar e a iniciar obras sen ter consignación económica para pagalas co que iso suporá no futuro para as arcas municipais.
Pan, circo e propaganda, neso basea o actual rexedor Gonzalo Pérez Jácome a súa xestión á fronte do terceiro concello máis grande e importante do país segundo o BNG.
Dilapidar os cartos na organización de festas, repartir subvencións discrecionalmente e pagar con cartos públicos anteproxectos de dubidosa execución para logo anuncialos a bombo e prato é, segundo o Grupo municipal do BNG, o modus operandi de Jácome, quen agora ademais “entrou nunha boráxine case enfermiza de anuncios, cartelaría e valados por todas partes”.
Pero para o BNG esta situación, tal e como afirma o Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, “deixa a curto e medio prazo unha situación gravísima desde o punto de vista económico no concello”, e engade, “Jácome atopouse a caixa chea de cartos cando chegou e lonxe de priorizar, atender o verdadeiramente importante, deseñar e executar con criterio, adicouse e adícase a dilapidar cartos públicos dun xeito escandaloso e o que é máis grave aínda, hipotecando ao vindeiro Goberno con proxectos e obras que xa veremos como se pagan”.
Para a formación nacionalista o coñecido no día de onte e relativo ás obras que por un importe superior aos 42 millóns de euros non se executaron en 2022 pero que o alcalde aseguraba executará en 2023 e a través dun convenio asinado cun clube de fútbol da cidade que se comprometía a aportar 50 euros para cada unha delas revela o xeito “tramposo, nada serio e pouco rigoroso do actual Goberno Local”.
Seara lembra que “este proceder non é novo xa que o actual Jácome ao igual que o seu antecesor, xa o empregou coa Deputación para, por exemplo, a execución da obra da rúa Concordia e na que o ente provincial aportaba 1000 euros. A trampa consiste en, deste xeito, poder traspasar o montante total da obra dun exercicio a outro cando o establecido é facelo soamente coa aportación externa realizada”.
Para Luís Seara “o que está acontecendo é dunha gravidade extrema, estanse iniciando obras sen crédito consignado para poder pagalas como é o caso do ascensor en Avilés de Taramancos entre outras, o que terá importantes consecuencias para o Goberno que veña xa que vaise atopar con proveedores reclamando o pago de obras realizadas ou en execución”.
Seara tamén advirte que “aqueles proxectos que están en licitación, continúan coa súa tramitación pero sen partida orzamentaria polo que veremos que é o que sucede no momento de adxudicar aínda que entendemos sería precisa unha nova modificación orzamentaria, algo que en todo caso non se pode facer antes da liquidación económica do exercicio 2022”.
A conclusión para o BNG é clara, “a desfeita a nivel económico do mandato Jácome vai ter consecuencias que cecais agora a xente non valore o suficiente pero que sen dúbida condicionarán a capacidade do Concello de Ourense nos vindeiros anos”.
Cartos retidos polo Goberno Central.
Do mesmo xeito, desde o Grupo municipal do BNG anuncian que pediranlle explicacións ao Goberno Local de por qué o concello ten retidos neste momento por parte do Goberno Central ao redor de 3 millóns de euros correspondentes á participación nos tributos do Estado.