Baltar logra que Ourense acolla a “Mobile Week”
O presidente da Deputación asinou en Barcelona coCEO de Mobile World Capital, Carlos Grau, o convenio de colaboración que permitirá celebrar en Ourense nos anos 2021, 2022 e 2023 este encontro de vangarda
O presidente da Deputación tamén se reuniu coa directora de Digital Future Society e responsable de Mobile Week, Cristina Colom, e con representantes de Red Mundo Atlántico, para ultimar a celebración da “Mobile Week Ourense”, un acontecemento histórico para Ourense, xa que por primeira vez –e durante tres anos consecutivos- a provincia ourensá acollerá esta actividade de vangarda internacional no eido da innovación tecnolóxica, ofrecendo un espazo no que participar activamente dos cambios que traen as novidades tecnolóxicas, así como formar nas habilidades profesionais para o futuro.
Esta alianza de cooperación, segundo Manuel Baltar, segue a senda de desenvolvemento tecnolóxico que impulsamos desde a Deputación de Ourense, “na liña dos premios Digital Mindset que recibimos en Madrid hai unas semanas, e que distinguiron á institución provincial como Mellor aceleradora do sector público en base ao noso proxecto “Provincia Intelixente”, que a día de hoxe permite que o edificio o mesmo nome, da Fundación Abanca, teña a máis alta concentración de autoemprego tecnolóxico do territorio”.
Neste ámbito, tamén salienta Baltar apostas como “o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional ou a nosa presencia en Tecnópole, todo en coherencia co labor de planificación que vimos desenvolvendo e que hoxe nos achega unha noticia tremendamente positiva para Ourense, que en meses estará a menos de dúas horas e cuarto de Madrid, co que iso significa de maior competitividade”.
Baltar destaca a satisfacción “que supón que a “Mobile World”, unha marca tan prestixiosa no mundo, aceptase a nosa proposta para que Ourense albergue a “Mobile Week” durante tres anos, unha magnífica noticia que hoxe acadamos no corazón tecnolóxico do planeta, en Barcelona”.
Punto de encontro tecnolóxico
O convenio asinado entre a Deputación de Ourense e a Fundación Barcelona Mobile World Capital sinala que, co fin de trasladar o modelo de éxito da Mobile Week, MWCapital e a Deputación de Ourense acadaron este acordo para que a Mobile Week se celebre en Ourense, co obxectivo de atraer asistentes e participantes de toda a provincia. Por esta razón, poñerase especial esforzo en involucrar no evento á contorna académica, universidades, centros de investigación e centros académicos de referencia; así como ao tecido social, colectivos, asociacións, fundacións, artistas, científicos, pensadores e emprendedores, e ao sector privado, empresas, startups, espazos de innovación, tecnolóxicos e profesionais do sector.
A edición de 2021 da “Mobil Week Ourense” celebrarase do 19 ao 23 de novembro. A Deputación de Ourense comprométese a organizar, producir e promover o evento, traballando de forma conxunta con entidades representativas do territorio do tecido económico, social, académico etc. para promover a xeración de sinerxias e dar a máxima difusión ao evento. Pola súa banda, MWCapital prestará asesoramento en materia de contidos e organización co obxectivo de contribuír ao correcto desenvolvemento da “Mobile Week Ourense”.