ICC Week

Baltar define esta edición da Icc Week como a máis ourensá

Manuel Baltar indicou que “ademais, esta ICC Week deixa un pouso que queda no tempo”, destacando a exposición dos Beatles

Óscar Gómez

Ourense | 05.05.2022 08:15

Baltar define esta edición da Icc Week como a máis ourensá | onda cero

O acto tivo de fondo a exposición “Ao redor dos Beatles” e a escultura de Ringo Starr, obra de Álvaro de la Vega e que acaba de incorporarse á mostra comisariada por Chema Ríos.

“Hai que falar con maiúsculas do éxito da Ourense ICCWeek”. Así comezou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o balance desta oitava edición que aínda mantén abertas dúas actividades: a exposición “Ao redor do Universo Beatle” e a do mítico “Alpinche”, imaxe oficial deste ano.

Baltar incidiu que “aínda que non é un evento que nacera para contar as persoas que veñen, porque cre mais no tema cualitativo e da xente que ven, que cuantitativo”, non se pode pasar por alto que nesta oitava edición “estamos a falar de máis de 9.000 persoas, con eventos como o concerto dos Hombres G -ao que asistiron máis de 2.5000 persoas- ou os outros 2.500 asistentes que sumaron os ‘eSports’, unha das estrelas da programación desta edición”.

Estas datas de asistencia son as mellores obtidas pola ICC Week e as cifras seguirán crecendo nos próximos días, tendo en conta que a mencionada exposición do Alpinche estará aberta ata o 17 de maio e a dos Beatles, o 12 de xuño.

O presidente da Deputación definiu a ICC Week deste 2022 “coma a máis ourensá de todas elas” -con referentes da creatividade da provincia como o Alpinche, Jaime Noguerol, Mon Devane, cociñeiros ourensáns, o IES Vilamarín…- na edición máis longa das que se ten realizado -oito días, do 22 ao 29 de abril- e a máis diversa respecto as temáticas abordadas, nunha programación completada dun xeito íntegro respecto ao planificado.

Tras salientar os bos resultados obtidos, Manuel Baltar indicou que “ademais, esta ICC Week deixa un pouso que queda no tempo”, destacando a exposición dos Beatles: “Xa saíu nos medios nacionais definida coma a mellor e máis completa mostra feita en España sobre este grupo mítico”. E subliñou que non é unha exposición xa pechada: “Segue medrando, e bo exemplo é a recente incorporación da escultura de Ringo Starr. Firmada polo gran artista Álvaro de la Vega- que recentemente expuxo no Marcos Valcárcel- é a talla coa que estivo o ‘beatle’ cando tocou na Coruña en 2018. Este é un exemplo do dinamismo que ten a mostra”.

Engadiu o presidente da Deputación que “dinámico tamén é o futuro das marcas mais importantes e icónicas de Ourense como o Alpinche, que se mostra neste centro cultural xa recuperado. Sen dúbida responde a esa creatividade e a esa cultura de Ourense, neste caso no mundo do motor”.

Manuel Baltar estivo acompañado polo asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, e a técnica Susan Ramos. O coordinador técnico da ICC Week, Juan Rivas, non puido acudir debido ao covid. O presidente do goberno provincial aproveitou este balance para felicitar aos programadores e a toda xente que estivo traballando na ICC Week estes días: “E, nesta mostra dos Beatles, singularizo en Xosé Lois Vázquez ‘Che’ polo gusto despregado nesta exposición, que calquera que a visite quedará encantado e repetirá”.

As cuestións culturais e creativas están no “ADN da Deputación de Ourense”

Para rematar, o presidente da Deputación de Ourense reiterou que a Ourense ICC Week “volveu a cumprir” a súa misión: “Naceu para que Ourense tivera visibilidade neste eido e a ten. Son oito edicións. Despois fixemos outro tipo de eventos, coma organizar en solitario o OUFF, que cumprirá en 2022 27 edicións, ou a Ourense Mobile Week”. Incidiu Baltar en que as cuestións culturais e creativas están, “sen dúbida”, no ADN da institución provincial: “Este goberno pensa sempre en crave ourensán, dende o local ata o mais global. Agora, a ICC Week cumpriu todas as expectativas e isto presaxia unha edición 2023 que deixará pegadas moi importantes”.