O Ballet de Kiev abrirá a programación do Auditorio de Ourense
O Concello aposta por consolidar a cita de Aninovo co mellor ballet internacional, optando neste caso pola compañía de Ucraína.
O Auditorio Municipal de Ourense iniciará a súa programación de actividades para 2023 coa actuación do Ballet de Kiev, que presentará O lago dos cisnes o domingo, 1 de xaneiro, ás 19:00 horas. O Concello aposta por abrir de novo este ano cun espectáculo de ballet coa finalidade de consolidar o Aninovo como unha cita clásica con esta arte escénica na cidade. Este 2022, aposta pola prestixiosa compañía de Kiev nun xesto de solidariedade cara ao pobo ucraíno. Toma así o relevo do Ballet Ruso, que actuara no Auditorio ao inicio do presente ano. O espectáculo terá finalidade benéfica, xa que haberá unha doazón a UNICEF de 1,5 euros por cada entrada vendida para apoiar o seu traballo na emerxencia de Ucraína.
A xira, co lema “Bailando desde o corazón” chega a Ourense con O lago dos cisnes, adaptación da música de Piotr Tchaikovsky, co libreto de Beghitchev e Vasili Geletzer, a coregorafía de Marius Petipa e coa dirección de Ana Sophina Scheller. A obra transcorre entre o amor e a maxia, enlazando nos seus cadros a eterna loita entre o ben e o mal. Os seus protagonistas son o príncipe Sigfrido, namorado de Odette, moza convertida en cisne polo feitizo malvado de Von Rothbart e de Odile, o cisne negro e a filla do feiticeiro.
Ana Sophia Scheller. Nada en 1986, Ana Sophia Scheller está considerada unha das bailarinas máis brillantes do mundo, sendo solista do New York City Ballet, San Francisco Ballet ou o Teatro da Ópera de Kiev, entre outros. A súa carreira ligouse ao Teatro da Ópera de Kiev en 2019. Debido á situación de guerra neste momento, a compañía Ballet de Kiev é refuxio para os seus artistas, dándolles a oportunidade de seguir transmitindo emocións a través dos seus movementos.
Ballet de Kiev. Corría o ano 2017 cando o famoso bailarín solista do Teatro da Ópera de Kiev, Viktor Ishchuk, consegue realizar un soño longamente cultivado: a creación dunha compañía estable e nova que reunise as estrelas máis prominentes de toda Ucraína e puidesen presentarlle ao mundo o talento, a mestría e a profesionalidade dos artistas daquel país. Entre os seus membros, conta con varios dos solistas do Teatro da Ópera e Ballet de Kiev.
As súas primeiras representacións conseguen o apoio dos principais nomes da escena ucraína e inmediatamente son convidados polos teatros máis importantes do mundo, realizando desde entón máis de 500 actuacións. Nas súas numerosas xiras percorreron os mellores escenarios de Suíza, Alemaña, Francia, Polonia, Croacia, China, Mexico...