Axudas para replantación de castiñeiros afectados polos incendios do verán
José González dixo que estas achegas contarán co orzamento preciso para cubrir a replantación de soutos necesaria tras os lumes de xullo de 2022, como complemento das axudas convocadas xa naquel mes para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas por eses incendios.
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo un encontro con veciños da comarca de Valdeorras con castiñeiros afectados polos lumes do pasado verán, ante os que anunciou que a Xunta convocará unha liña de axudas para garantir a súa replantación -co apoio da Administración-, co fin de paliar os danos causados neste sector, que ten unha gran importancia nesta bisbarra en particular -dixo- e en toda Galicia en xeral. Así o sinalou o conselleiro nun encontro no que tamén participaron a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, o rexedor do Barco de Valdeorras, Alfredo Laudelino García, e o de Rubiá, Elías Rodríguez.
Segundo apuntou o conselleiro, estas achegas contarán co orzamento preciso para garantir a replantación de soutos necesaria tras os lumes de xullo de 2022. Nesa liña, complementarán as que se publicaron naquel mes, co gallo de abordar a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas polos lumes dese mes. Unhas achegas que distribuíron entre preto de 180 beneficiarios un importe superior aos 830.000 euros.
Así, explicou o conselleiro, habilitaranse dúas liñas de achegas sen requisito de superficie mínima de actuación. Unha para a corta, recollida e estelado ou retirada de pés de árbores danados polos incendios, roza do souto e a plantación de novos pés de castiñeiros en substitución dos exemplares danados. Outra para a reparación dos danos causados polos incendios nas pistas forestais estremeiras ou interiores e/ou nos cerramentos dos soutos. Poderán beneficiarse das subvencións as persoas físicas ou xurídicas propietarias ou arrendatarias de soutos afectados polos lumes do pasado mes de xullo e a contía da axuda será do 100 % do gasto subvencionable, establecendo o apoio de entidades colaboradoras para facilitar a súa tramitación.
José González foi máis aló e lembrou convocatorias actualmente abertas en beneficio do sector. Así, poden solicitarse os case 3,6 millóns de euros consignados para impulsar plantacións de castiñeiro e para a restauración de soutos tradicionais, e tamén os 9 millóns en achegas da Axencia Galega da Industria Forestal destinadas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos, cunha liña específica precisamente para o aproveitamento da castaña e da resina.
O titular de Medio Rural reafirmou así o compromiso da Xunta co sector agrogandeiro e forestal de Galicia, e máis concretamente cun eido produtivo de gran tradición e importancia nesta zona do oriente ourensán, como é o da castaña. Nese sentido, salientou o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, que ten como grandes obxectivos de aquí ao 2040 -no marco do Plan Forestal “Cara á neutralidade carbónica”-, recuperar soutos tradicionais por unha superficie dunhas 8.000 hectáreas e plantar outras 16.000 hectáreas máis, tanto para produción de madeira como de froito.