Medio Ambiente

Axudas para rehabilitación enerxética de edificios

A responsable autonómica subliña que a convocatoria deste ano, dotada con 5,5 millóns de euros para melloras na envolvente térmica, uso de renovables en instalacións térmicas ou renovación da iluminación, estará aberta ata o 31 de xullo

Óscar Gómez

Ourense | 19.05.2021 08:14

Axudas para rehabilitación enerxética de edificios | onda cero

A Xunta de Galicia anima a todos os propietarios particulares ou comunidades de veciños con inmobles de carácter residencial a acollerse á nova liña de axudas para rehabilitación enerxética de edificios do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de xullo. Neste sentido, cómpre subliñar que desde a convocatoria deste programa, a comezos de xaneiro, estanse a recibir unha media de máis de 100 solicitudes cada mes.

Durante unha visita á cidade de Ourense, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou que a pesar de que a Xunta leva varios anos axudando a financiar actuacións de mellora enerxética en edificios, esta é a primeira vez que o seu departamento xestiona o chamado programa PREE, de carácter plurianual e cun orzamento global de 17 millóns de euros para o período 2021-2023 -5,5 millóns só para este ano-.

Esta inxección económica, como indicou a conselleira, axudará a financiar un bo número de intervencións de carácter enerxético en inmobles construídos antes do ano 2007, polo que avogou por seguir dándolle difusión a estas axudas.

Entre os tres tipos de actuacións subvencionables cómpre subliñar as que teñen que ver coa renovación e mellora da envolvente térmica das fachadas, o mesmo tipo de obra que se acometeu, precisamente, no número 74 da rúa Jesús Soria, o edificio que visitaron esta mañá a conselleira e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, para comprobar as melloras de eficiencia enerxética realizadas no seu exterior grazas a unha subvención de máis de 19.500 euros concedida o ano pasado polo IGVS e que supuxo ao redor do 40% do custo total da obra.

Así mesmo, as outras intervencións sobre edificios residenciais para as que se pode solicitar axudas con cargo ao programa PREE 2021 son o uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente; e a mellora das instalacións de iluminación, é dicir, luminarias, lámpadas e equipamentos, así como sistemas e elementos que permitan o control local, remoto ou automático por medios dixitais do acendido e a regulación do nivel de iluminación.

Para calcular a contía subvencionable en cada caso, partirase dunha axuda base cun importe máximo de 6.000 euros por vivenda, e unha adicional, que se determinará tendo en conta tres tipos de criterios: sociais (actuacións que se realizan en edificios de vivenda de protección pública ou situados en áreas de rehabilitación); a eficiencia enerxética final a conseguir; e se se trata dunha actuación integrada (aplicarase tamén unha porcentaxe adicional cando se realizan simultaneamente dúas ou máis tipoloxías de actuación).

Neste sentido, a conselleira lembrou o compromiso do Goberno galego coas medidas destinadas á mellora da eficiencia enerxética no eido residencial, cun total de 22 millóns de euros investidos desde a aprobación da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, hai algo máis de ano e medio.

Por último, tamén quixo subliñar o dobre beneficio que se consegue con este tipo de intervencións. Así, resaltou que unha vivenda máis eficiente e sostible contribúe, por unha banda, a reducir as emisións de CO2 á atmosfera e con elas, a mitigar o cambio climático, e pola outra, supón un aforro directo para as familias a través da redución dos seus consumos enerxéticos.