Os 40 novos autobuses encargados polo Concello de Ourense manterán coma cor distintiva o amarelo, na mesma liña que tradicionalmente veñen tendo estes vehículos nos últimos anos. En palabras do rexedor, as cores máis utilizadas neste tipo de transporte son o amarelo, vermello ou verde, mais “optamos polo que xa tiñan os propios vehículos, unha cor que leva moitos anos e que os ourensáns xa recoñecen”.
O amarelo é unha cor destacada en cuestións de seguridade, ademais de levar como distintivo dos autobuses da cidade os últimos 15 anos aproximadamente. Tal e como explica o alcalde, “no caso de vehículos públicos, búscase unha cor rechamante, e que produzan alerta e chamen a atención, que é do que se trata desde o punto de vista do tráfico”.