Ourense cidade

A Aula da Natureza do Río Miño repartirá 1.000 árbores entre colexios e organizacións ecoloxistas da cidade

Con motivo do Día da Arbore, este domingo 21, o centro dependente da Concellería de Educación lembra a importancia de protexer as zonas de bosque para evitar efectos prexudiciais para a saúde da nosa contorna.

Óscar Gómez

Ourense | 17.03.2021 09:18

A Aula da Natureza do Río Miño repartirá 1.000 árbores entre colexios e organizacións ecoloxistas da cidade | onda cero

Con motivo do Día da Arbore, que se celebra mundialmente este domingo 21, a Aula da Natureza do Río Miño da Concellería de Educación repartirá máis de 1.000 árbores entre 11 centros educativos da cidade [O Couto, A Ponte, Mariñamansa, Mestre Vide, Amedeo Barroso, Irmans Villar, Covadonga, Vistahermosa, Curros Enríquez, As Mercedes, e Franciscanas] e entre organizacións ecoloxistas [Amigos das Árbores Ourense, Asociación de Monte de Lucenza de Cualedro, Ecovixilantes].

A intención desta campaña é a de concienciar a mocidade de que as árbores son esenciais para a vida e a de lembrar a importancia de protexer as zonas boscosas: “As árbores, entre moitos outros beneficios, transforman o dióxido de carbono, responsable do efecto invernadoiro, en biomasa, minimizan os riscos de inundación e evitan a erosión”, afirman os seus responsables.

A Aula da Natureza comezou con esta campaña en Nadal, coa recollida solidaria de alimentos e xoguetes en colaboración con Protección Civil: cada persoa que trouxese material, levou unha árbore.

Un bidueiro. A especie elixida para esta ocasión é o bidueiro, unha árbore que tolera os chans pobres e queimados polos incendios. Son árbores que medran altas e esveltas, e rapidamente. Na nosa comunidade pódense atopar formando bidueirais ou coma unha das especies das fragas.

Son árbores moi frugais: acostuman colonizar terreos degradados, queimados, incluso os noiros de autoestradas. No sur de Galicia aparecen coma especie de ribeira, brañas ou lameiros. Ademais de relacionarse con infinidade de especies, serven de alimento a un grande número de lepidópteros (bolboretas). Para os celtas era unha especie cun significado máxico: a árbore do comezo, símbolo da renovación, xa que é unha das primeiras árbores que bota follas novas na primavera.