Ana Pontón reafirma o compromiso e o apoio do BNG ao modelo termal de Ourense
Nunha reunión mantida no Parlamento galego co candidato nacionalista á alcaldía do Concello de Ourense Luís Seara e con representantes da Plataforma cidadá amigos das termas, comprometeuse a derogar os aspectos máis lexivos da actual Lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza.
Unha delegación do BNG de Ourense encabezada polo actual Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara e de representantes da Plataforma cidadá amigos das termas, mantiveron unha xuntanza na sede do Parlamento de Galiza coa Portavoz Nacional do BNG Ana Pontón.
O obxecto da reunión non era outro que avaliar a situación na que actualmente se atopan as diferentes instalacións termais públicas de Ourense, nomeada Capital termal de Galiza, por iniciativa do BNG, no ano 2008 e o impacto negativo que a Lei 8/2019 de 23 de decembro de aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza, aprobada pola Xunta do PP ten para o modelo termal ourensá.
Ana Pontón lembrou en declaracións posteriores á reunión que “o Concello de Ourense ten nos aproveitamentos termais un dos seus potenciais vectores de crecemento e desenvolvemento económico. A cidade de Ourense foi no pasado unha referencia na existencia de espazos de desfrute termal de acceso e xestión pública, democratizando o seu uso e desfrute por parte da veciñanza ourensá con independencia do seu nivel de renda”.
Pontón fixo fincapé na responsabilidade da Xunta de Galiza na situación actual do sector termal público en Ourense, “sector que se está a ver gravemente prexiducado pola lei aprovada en 2019 e que dificulta a apertura ao público de algunhas das instalacións debido aos requisitos exixidos na mesma”.
“Tal e como advertíamos na súa tramitación, o que se estaba a impulsar era unha improvisación lexislativa que supuña unha reforma parcial e rápida da lei de balnearios de 1995 sen dar cobertura a determinados tipos de aproveitamento sobre os que existían lagoas conceptuais e legais. Lonxe de mellorar, agora vemos como a súa aplicación está a supoñer un problema na cidade de Ourense ademais de ser unha Lei nada sustentábel”.
A Portavoz Nacional do BNG lembrou que por estes motivos “presentamos inicialmente unha emenda á totalidade, de devolución, facendo un chamamento a que era mellor demorar máis tempo en facer as cousas ben que lexislar desde a improvisación que nos trasladaba o goberno”.
Pontón asumiu o compromiso diante dos representantes da Plataforma cidadá amigos das termas de que “cando o BNG chegue á Xunta derogaremos aqueles aspectos máis lexivos da norma para facilitar e impulsar o sector termal de Ourense, garantindo un modelo sustentábel e de acceso público ao conxunto da veciñanza”.
Pola súa banda, o candidato nacionalista á alcaldía Luís Seara destacou en primeiro lugar o traballo levado a cabo ao longo de todo este tempo por parte da Plataforma a quen lles agradeceu a súa implicación e compromiso “cun dos sectores estratéxicos para o desenvolvemento económico, social e turístico de Ourense”.
Seara puxo de manifesto tamén a incapacidade do actual Goberno Local, encabezado por Jácome. “O actual rexedor ten amosado non soamente o seu desprezo ao sector termal do Concello senón a súa incapacidade para xestionalo”, e engade, “actualmente temos as instalacións termais funcionando a medio gas e nunhas condicións moi precarias, e no caso da piscina termal das Burgas, situada en pleno corazón turístico da cidade, cunhas obras aínda sen iniciarse cando hai case dous anos que tiñan que estar rematadas”.
Seara incidiu tamén nas trabas e dificultades que a lei galega impón ao modelo termal de Ourense. “Estamos diante dunha norma nada sensíbel ao modelo termal de Ourense, feita de costas ao mesmo e que ademais segue agardando a que se desenvolva a través do correspondente regulamento, o que revela, a falla total de interese por parte do Executivo galego do PP”.
Desde o BNG sinalan que precisamente a falta do regulamento que a desenvolva provoca que as pautas veñan marcadas neste momento por unha guía emitida por Sanidade, a cal establece criterios e requisitos moi difíciles de cumprir como ter que cambiar a auga das pozas cada 4 horas, limitar o aforo ou mesmo perimetrar as pozas con balados de 1,5 metros de altura, algo que a CHMS non permite. Igualmente, a regulación das piscinas termais realízase a través da normativa existente para as piscinas de uso recreativo, obrigando a unha serie de requisitos claramente lexivos para as augas termais destas piscinas como pode ser a cloración das mesmas.
Amigos das termas
A Plataforma cidadá amigos das termas agradeceu o compromiso adquirido polo BNG de derogar os aspectos máis lexivos da Lei, así como o interese e o traballo feito polos nacionalistas desde o Concello de Ourense ao longo do actual mandato ao tempo que concordan na necesidade de crear un Consorcio termal que, a semellanza do existente noutras cidades, contribúa a crear e desenvolver as infraestruturas e os proxectos precisos para pór en valor este “extraordinario recurso natural”.