O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, valora incorporar novidades ás axudas para a dinamización económica da cidade que concederá o Concello este ano. No escenario actual, logo da finalización da maior parte das restricións ocasionadas pola pandemia, estudia que as axudas que o Concello concedeu o ano pasado aos autónomos da cidade se estendan á totalidade da veciñanza da cidade, en forma de vales para estimular o consumo nos sectores locais de comercio de proximidade, hostalaría e servizos profesionais.
O alcalde valora esta opción logo de manter xuntanzas con colectivos profesionais como a Federación de Comercio, o Centro Comercial Aberto Ourense Centro, a agrupación de libreiros de Ourense ou a Confederación Empresarial de Ourense. Entende, explica o rexedor, que sería un paso adiante, xa que contribuiría a dous obxectivos básicos: “fomentar o consumo na cidade e levar a xente aos comercios e aos locais de hostalaría”.
Trátase dun modelo que xa se aplicou con bos resultados noutras cidades españolas. As axudas serían vales para o consumo. Os cidadáns recibirían un vale para consumir única e exclusivamente en establecementos de autónomos locais, principalmente dos sectores de hostalaría, pequeno comercio e profesionais varios como perruquerías, talleres, etc. Os vales estarían dispoñibles para estimular o consumo a finais do ano 2022.