O alcalde congratúlase dos avances da nova sede da Xunta nas Lagoas
Pérez Jácome lembra que “é a terceira idea orixinal nosa que a Xunta leva a cabo na cidade”, logo da pista cuberta de atletismo e o parque acuático.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome congratúlase polo avance no deseño do novo edificio que a Xunta de Galicia construirá nas Lagoas para centralizar os seus servizos na cidade. O rexedor alégrase por dobre motivo: “primeiro, polo servizo que se vai ofrecer para a cidade e, segundo, porque realmente se executa unha idea que propuxemos nós desde o Concello de Ourense”. Lembra Gonzalo Jácome que en febreiro de 2021, “enviamos un correo electrónico á Confederación Hidrográfica e á Xunta de Galicia para centralizar alí servizos administrativos e informamos á Xunta de que estaba dispoñible este terreo”, e engade que “nós mesmos falaramos cos propietarios e lles dixemos o prezo de partida”. O alcalde explica que daquela a Xunta tiña previsto reformar o edificio da rúa Concello como nova sede dos seus servizos na cidade, e desde o Concello lle animou a optar por construír un novo edificio nas Lagoas, cun emprazamento “perfecto para ese cometido”.
“Está acreditado que realmente foi unha proposición nosa, e matizamos isto porque despois o Partido Popular nos acusa de ter ocurrencias”, manifesta Pérez Jácome, quen sostén que “non nos parece xusto que digan que temos ocurrencias cando ao final, a Xunta de Galicia executa as nosas ideas”. Destaca a este respecto o alcalde que “esta é a terceira idea orixinal de Democracia Ourensana” que desenvolve a Xunta de Galicia en Ourense, logo da pista de atletismo cuberta de Expourense e o Parque Acuático, que constrúe en Monterrei.
O alcalde anima a Xunta de Galicia a “avanzar máis no proxecto das Lagoas e, xunto coa Universidade e coa Deputación, comprar no só timidamente unha esquina máis para axudar á universidade con novos terreos, senón comprar máis de 10.000 metros cadrados que están dispoñibles e que serían dunha grande utilidade para facer alí unha grande ampliación do campus universitario”.