O alcalde aposta por “repensar” o modelo termal de Ourense
“A auga termal non é galiña dos ovos de ouro. Porén, é unha mina de ouro se sabemos onde e como cavar”, manifestou o rexedor.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, aposta por “repensar” o modelo termal da cidade para que Ourense sexa capaz de sacar rendemento ao potencial que lle confire a súa riqueza de augas termais. O rexedor confía en apoiar este desenvolvemento na execución de novos proxectos como o parque acuático termal indoor, que promoverá o Concello na marxe dereita do río Miño, e do hotel balneario que promove a Deputación Provincial de Ourense no actual Pazo Provincial. Así o manifestou o rexedor na súa intervención nos discursos de apertura do Congreso de Termalismo Termal, que tivo lugar este mediodía no Teatro Principal.
O alcalde lembrou que sempre foi “crítico” co modelo termal da cidade “necesitamos aprender”, manifestou, para sacarlle partido ao potencial dunha cidade que é a segunda en caudal de aguas termais en Europa.
Pérez Jácome lembrou que no día de onte a Organización Mundial do Turismo celebraba na cidade de Ourense o Día Mundial do Turismo co lema “Repensar o futuro”, e animou a reorientar o modelo termal da cidade: “Temos que cuestionalo todo, e este lema nos convida a pensar en novas formas de aproveitar a oportunidade que temos”.
Neste senso, Pérez Jácome confía no impacto de dous proxectos de futuro, que confía que van ser “un éxito”. Por unha banda, o hotel balneario que porá en marcha a Deputación no Pazo Provincial, iniciativa que felicitou o rexedor. Por outra, o parque acuático termal indoor, que o Concello promoverá na marxe dereita do río Miño, nos terreos onda se atopa o actual matadoiro municipal, que o Concello vai demoler. O parque será, dixo, “un dos mellores do mundo” e confía en iniciar a súa construción o ano próximo. Neste senso, o alcalde demandou o apoio da Xunta de Galicia para este equipamento, cuxa construción suporá un investimento duns 30 millóns de euros, aseverando que confía en contar co seu apoio.
O alcalde quixo rematar a súa intervención cunha “mensaxe optimista:”, manifestando que “A auga termal no é a galiña dos ovos de ouro. Porén, é unha mina de ouro se sabemos onde e como cavar”.