Ouff 2023

Aki Kaurismäki, Isabel Coixet e Maite Alberdi na Sección Oficial Internacional do OUFF

O Ourense Film Festival presenta os doce títulos a concurso, oito deles dirixidos por mulleres e, por vez primeira, catro documentais en competición.

Óscar Gómez

Ourense | 21.09.2023 10:59

Aki Kaurismäki, Isabel Coixet e Maite Alberdi na Sección Oficial Internacional do OUFF | onda cero

Un festín de calidade e estreas para as persoas amantes do cinema. Asi se presenta a Sección Oficial Internacional do 28º Ourense Film Festival (OUFF); un conxunto de doce títulos nos que atopamos nomes como os de Aki Kaurismäki, Isabel Coixet, Maite Alberdi ou Lila Avilés, e no que, por primeira vez, entran en competición catro documentais con outros xéneros de ficción como thriller, drama e comedia. Entre as doce cintas a concurso, oito delas dirixidas por mulleres e catro óperas primas. Sen dúbida unha sección oficial de enorme interese e atractivo, avalada por premios en festivais como Sundance, Berlín, Cannes, Toronto, Seattle ou Montreal. Inmigración, transexualidade, alzheimer, infancia, a vida no rural ou o cambio climático son algúns dos temas abordados nesta selección fílmica. Máis de trescentas cintas presentáronse á preselección, procedentes de sesenta países. Achégase o 28º OUFF: a cita en Ourense, do 29 de setembro ao 8 de outubro.

Sobre o encontro en Helsinki entre unha traballadora de supermercado e un home alcohólico ciméntase a última película do director finés -e veciño a metade do ano de Castro Laboreiro (Portugal)- Aki Kaurismäki, que asina co seu máis puro estilo unha nova comedia dramática. Fallen Leaves estreouse no pasado Festival de Cannes, onde obtivo o Premio do Xurado. Ademais, recibirá esta semana en San Sebastian o premio FIPRESCI tras ser elixida Fallen Leaves mellor película do ano 2023 polos membros da Federación Internacional de Críticos de Cine. É a segunda vez que Kaurismäki recibe este recoñecemento da crítica internacional; a primeira, en 2017, con Toivo tuolla puolen/ The Other Side of Hope.

Oito directoras forman parte da sección oficial do OUFF 2023, unha mostra do relevante papel que están a xogar as mulleres na industria actual. É o caso do último filme da directora Isabel Coixet Un amor, baseado na novela coa que a escritora Sara Mesa congregou a milleiros de lectores hai xusto tres anos e que conta nos papeis protagonistas con Laia Costa, gañadora do Goya por Cinco lobitos, e Hovik Keuchkerian, extraordinario protagonista da serie Antidisturbios, de Rodrigo Sorogoyen. Rodada na Rioxa, o equipo de produción da pelicula estivo integrado por unha maioría de profesionais mulleres.

A norteamericana Erica Tremblay asina Fancy Dance,drama que chega ao OUFF tras participar este ano en Sundance. Trátase dunha película ao redor dun nativo americano que secuestra a súa neta co obxectivo de manter o legado cultural e familiar. Esta é a primeira longa de ficción de Tremblay, realizada co apoio da Cherokee Nation, a máis grande das tres tribús nativas recoñecidas nos Estados Unidos. Tótem de Lila Avilés é unha coprodución de México, Dinamarca e Francia, que explora o mundo da infancia e que estivo entre as favoritas para levar o Oso de Ouro, o máximo premio na Berlinale 2023. É o segundo filme de Lila Avilés, que con La camarista en 2018 fora seleccionada para representar a México como Melior Película Estranxeira nos Óscar e candidata a mellor película Iberoamericana nos Goya. Past lives é o debut cinematografico de Celine Song, directora, guionista e dramaturga coreano-canadiense. Recoñecida no ámbito teatral estadounidense, Song asina a súa primera longametraxe sobre o reencontro de dous amigos da infancia cando son adultos. A película está obtendo numerosas louvanzas entre a crítica, tras o estreo en Sundance, que ve paralelismos nesta ópera prima co cinema de Noah Baumbach.

Ademais do de Coixet, atopamos un segundo título español na sección oficial do 28º OUFF: Honeymoon, do director Enrique Otero. Esta historia dun matrimonio en destrución está protagonizada polos actores Javier Gutiérrez e Nathalie Poza, e conta coa participación de varios intérpretes galegos, entre eles María Vázquez e Antonio Durán "Morris". Mutt está dirixida polo cineasta neoiorquino Vuk Lungulov-Klotz -de orixe serbia e chilena- e narra a experiencia post-transición sexual. Estreouse na última edición do Festival de Cine de Sundance e formou parte do programa "Generation 14plus" en Berlín, onde gañou o premio Mención Especial. No caso do thriller The Future, do director e guionista israelí Noam Kaplan, o conflito palestino-israelí é o eixo dunha ficción na que o director introduce a existencia dun algoritmo que predi posibles actos de terrorismo.

Catro documentais en competición

Catro documentais compiten por vez primeira na sección oficial do OUFF. É o caso de Adentro mío estoy bailando do arxentino Leandro Koch e a colombiana Paloma Schachmann, un falso documental impregnado pola cultura xudea e a música klezmer. A mexicana Tatiana Huezo é a directora de El eco, gañadora do Premio ao Mellor Documental no Festival de Berlín este ano cun traballo que nos leva a unha aldea remota mexicana onde unha familia loita contra o cambio climático. Tamén en Berlín, no programa "Generation 14plus" participou o documental Dream's Gate da directora iraniana Negin Ahmadi, que acompaña neste filme a unha milicia integramente de mulleres que loitan no Kurdistán sirio.

A directora, guionista e produtora chilena Maite Alberdi ven de ser premiada en Sundance e Berlín co documental La memoria infinita, que na fin de semana da súa estrea en Chile superou en público a títulos como Barbie ou Oppenheimer, que tamén chegaban ás carteleiras. Un documental ao redor do alzheimer que compite no OUFF e que consagra a Alberdi como unha das cineastas documentais máis interesantes e sensibles do momento no ámbito internacional, tras o éxito acadado hai tres anos por El agente topo.