Adriana Domínguez Premio á mellor directiva galega
Rueda gaba a unión da tradición, creatividade, sutentabilidade e boa xestión empresarial como distintivo do éxito da moda galega.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, eloxiou a unión de tradición, creatividade, sustentabilidade e boa xestión empresarial como distintivo do éxito que está a vivir o sector da moda galega. Así o defendeu na súa intervención na Gala Especial 20 aniversario APD Noroeste, onde se lle fixo entrega do Premio á mellor directiva galega do ano a Adriana Domínguez, presidenta executiva da firma téxtil Adolfo Domínguez.
O titular do Executivo galego considerou que todos estes valores, que son sinal de identidade da moda galega, están reflectidos na empresa Adolfo Domínguez -da que enxalzou a súa fidelidade ás nosas raíces- e tamén asegurou que están presentes en moitas outras empresas do sector da Comunidade. Por este motivo, felicitou á galardoada e resaltou o seu traballo en manter ben alta a bandeira da moda galega e tamén lle recoñeceu o seu importante papel á hora de ter consolidado no sector ese xeito de facer propio que define a moda de autor.
Na súa intervención, o mandatario galego atribuíulle ao sector da moda galega ser a gran carta de presentación de Galicia na modernidade e salientou o feito de que soubo demostrar que era capaz, ao mesmo tempo, de ser creativo e ter actitude empresarial, poñendo en marcha e consolidando firmas de diferentes dimensións, concepcións e públicos.
Ante este comportamento e saber facer do sector, Rueda amosou o compromiso do Goberno galego con estas empresas para seguir ofrecéndolles un marco estable, dinámico e centrado nas grandes prioridades de benestar e desenvolvemento.