Abre o 14º Salón do Automóbil para rexuvenecer o parque móbil galego
O 14º Salón do Automóbil – Vehículo Novo abriu esta tarde en Expourense coa participación de 15 concesionarios oficiais que representan 24 marcas e que presentan 26 novidades no mercado.
Abriu as súas portas en Expourense a cita máis importante do ano para os concesionaios oficiais ourensáns. O 14º Salón do Automóbil - Vehículo Novo arrincou hoxe no recinto feiral e estará aberto ata este domingo 19 de novembro ás 20.00 h. A semana seguinte, dende o xoves 23 ata o domingo 26 de novembro, celebrarase o Salón do Vehículo de Ocasión. Trátase de dúas citas vencelladas cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, e que están organizadas de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O.
Esta xornada de apertura contou cunha visita aos expositores por parte de distintos representantes das administración autonómicas e provinciais como o director xeral de Planificación Enerxética, Pablo Fernández Vila; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o deputado provincial de Ourense de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago; a senadora Carmen Leyte, ou a presidenta da CEO, Marisol Novoa, que visitaron este salón acompañados por distintos empresarios do sector e polos membros de ACAUTO. Estas autoridades felicitaron aos expositores por conseguir presentar unha oferta con tanta calidade e variedade disposta a cubrir todas as necesidades e resolver todas as dúbidas dos potenciais clientes.
“Para os concesionarios de Ourense, este salón é a cita máis importante do ano e todos fixemos un gran esforzo para poder celebralo. É unha cita clave na venda de vehículos anual en Ourense, reactiva o mercado e contribúe a rexuvencer o parque móbil da provincia que ronda agora os 17 anos de media de antigüidade”, indican dende ACAUTO. Tamén indican que despòis de varios anos de incerteza, o mercado comeza a estabilizarse e achegarse ao nivel de ventas pre-pandemia.
Entre as dúas citas, novo e de ocasión, exporanse 700 vehículos, 276 novos e 424 de ocasión. Entre os vehículos novos expostos neste primeiro salón pódense atopar coches de todos as gamas e motorizacións destacando sobre todo a oferta en microhíbridos, híbridos, híbridos enchufables e eléctricos 100%. Os prezos oscilan entre os 11.990 euros do Fita Panda Microhíbrido ata os 150.852 euros do Porsche Panamera 4-E Hybrid. Os concesionarios ofrecen descontos especiais en feira que rondan entre os 3.000 e os 8.000 euros. Cada concesionario ofrece ademais as súas propias condicións de financiamiento e novos formatos de compra que inclúen o pago de taxas mensuais polo uso dun vehículo.
Marcas representadas no Salón do Automóbil 2023 de Expourense
Todas as marcas presentes están aproveitando a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2024.
En total, participan 15 empresas representando a 24 marcas:
- ABARTH
- AUDI
- BMW
- CITROËN
- CUPRA
- DACIA
- FIAT
- FORD
- HYUNDAI
- JEEP
- KIA
- MAZDA
- MERCEDES BENZ
- MG
- NISSAN
- OPEL
- PEUGEOT
- PORSCHE
- RENAULT
- SEAT
- SKODA
- TOYOTA
- VOLKSWAGEN
- VOLVO
O salón do Vehículo Novo presenta en total 26 novidades, algunhas das cales son primicia en España como e o caso do BMW X-2 que foi presentado esta tarde e que non se comercializará ata febreiro de 2024 (aínda que xa se pode reservar) ou o Audi Q8 E-tron que puido verse tamén por primeira vez en Expourense. Outras marcas aproveitaron a presenza nesta cita para presentar a súa nova imaxe de marca como foi o caso de Peugeot.
Novidades presentadas no Salón do Vehículo Novo 2023
26 son as novidades presentadas nesta edición
- AUDI - Q8 Etron
- BMW - SERIE 5 e X-2
- CUPRA - Formentor 1.4 Hybrid 245 CV
- FORD - Mustang Mach-E
- HYUNDAI - KONA
- JEEP - Avenger
- KIA - EV-9
- MAZDA - CX60
- MERCEDES - Clase E
- MG - MG4 POWER
- NISSAN - Xtrail e Ariya
- OPEL - Corsa
- PEUGEOT – Nova imaxe de Marca en 2008, 308, 408, 508
- RENAULT - Clio, Espace
- SEAT - León eTSI 150 cv micro hybrid.
- TOYOTA - BZ4X 100% Eléctrico/ Novo Corolla Cross
- VOLKSWAGEN - ID. BUZZ// NUEVO TOUAREG R
- VOLVO - C40 AUTONOMIA EXTENDIDA
Tanto dende ACAUTO como dende Expourense indícase que estas dúas citas son unha magnífica oportunidade (por calidade, cantidade, variedade e prezos especiais en feira) para aqueles que buscan un coche novo. Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.
Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas unha cantidade fixa por cada vehículo vendido que será achegada entre Expourense e ACAUTO.
O obxectivo destas citas é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra todas as gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. Trátase dun público obxectivo e amplo que pode consultar nun mesmo espazo e de forma axeitada toda a oferta existente no mercado ourensán, e comparar opcións antes de decidir a compra do seu vehículo.
Para facilitar a elección do novo coche familiar, volverá haber servizo de ludoteca gratuíto a partir de mañá venres pola tarde (Venres de 17.00 a 20.30 h.; sábados de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 h. e domingos de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 h.).
Horario do Salón do Automóbil - Vehículo Novo
O horario do 14º Salón do Automóbil- Vehículo Novo será mañá venres 17 de 11.00 a 20.30 h.; o sábado de 10.00 a 20.30 h., e o domingo de 11.00 a 20.00 h. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos teñen entrada gratuíta).