Deporte

Aberto o prazo para inscribirse na V edición da “Ourense Strade Termal ”

A V edición da “Ourense Strade Termal” abre o seu prazo de inscrición a través da páxina web www.ourensestradetermal.com, ata chegar aos 500 participantes.

Óscar Gómez

Ourense | 12.01.2022 13:02

Aberto o prazo para inscribirse na V edición da “Ourense Strade Termal ” | onda cero

Os cicloturistas apaixonados do “sterrato” volven a ter unha cita ineludible coa provincia do Ourense o vindeiro 30 de abril con esta nova edición da “Ourense Strade Termal” que levará aos deportistas a descubrir fermosas paraxes dos concellos ourensáns que acollen esta proba como son Muíños e Lobios. Ademais, tras limitar o trazado da proba o ano pasado á provincia de Ourense por mor da pandemia, este ano a Strade Termal volverá a cruzar a fronteira para chegar a Pitoes das Júnias e a Tourem (Cámara Municipal de Montalegre).

A competición, que está dentro do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo, conta con dous percorridos: o gran fondo de 115 quilómetros e o mini fondo de 75 quilómetros. Dúas distancias, con zonas de “sterrato”, nas que os participantes coñecerán lugares emblemáticos da zona como A Cela (Lobios), o Complexo Deportivo do Corgo, e Maus de Salas.

Ademais, nesta edición ofreceranse actividades paralelas como andainas para que os acompañantes poidan descubrir esta fermosa zona ourensá a través de actividades deportivas de menor esixencia física; así como a posibilidade de gozar de propostas culturais e culinarias que acheguen aos visitantes a nosa riqueza histórica, cultural e gastronómica. A saída e a chegada da proba estará situada no Concello de Lobios, no Balneario de Caldaria en Riocaldo.