Deporte

ABANCA entrega un xogo de redes recicladas ao Ourense C.F.

Abanca recupera redes de pesca en desuso e transfórmaas en novas redes deportivas grazas ao traballo artesán das redeiras.

Óscar Gómez

Ourense | 02.12.2021 12:29

ABANCA entrega un xogo de redes recicladas ao Ourense C.F. | onda cero

ABANCA entregou ao Ourense CF un xogo de redes recicladas procedentes do seu proxecto Redes Vivas. As novas redes permitirán que o club renove as porterías das súas instalacións deportivas.

Os xogadores deste equipo forman parte dos máis de 5.000 deportistas de 39 clubs galegos que se benefician da iniciativa posta en marcha polo banco co fin de recuperar as redes de pesca abandonadas en espazos costeiros e darlles unha nova vida nas canchas e campos deportivos. Durante 2021, o proxecto Redes Vivas permitiu retirar do litoral galego 1.400 quilos de artes de pesca en desuso que se transformaron, grazas ao traballo artesán das redeiras de Corme e Malpica, en 1.500 m2 de novas redes para uso deportivo que se instalarán en 78 porterías de equipos deportivos patrocinados polo banco no marco do programa ABANCA Deporte Base, como o Ourense CF.

Protección do medio ambiente e economía circular

Redes Vivas é unha iniciativa que forma parte da liña de acción ambiental do plan de sustentabilidade de ABANCA. Abarca todo o proceso de recuperación das artes de pesca, comezando pola retirada das redes dos espazos portuarios nas que se atopan abandonadas. A continuación, trasládanse aos talleres das redeiras, que recibiron formación específica para tratalas e darlles unha nova vida como redes de uso deportivo.

Unha vez recicladas, o banco tamén se encarga do transporte ata as canchas e campos deportivos dos clubs. As redes recuperadas poden utilizarse en seis disciplinas deportivas das 34 que apoia o banco a través do programa ABANCA Deporte Basee: fútbol, balonmán, fútbol sala, hóckey patíns, kaiak polo e hóckey herba.

A iniciativa ten un impacto positivo en tres das liñas estratéxicas do banco: sustentabilidade, xa que contribúe ao coidado do medio ambiente e fomenta a economía circular; promoción da economía local e os sectores produtivos, achegando innovación e visibilidade a un oficio tradicional e artesán realizado maioritariamente por mulleres, e apoio ao deporte, dotando de

material aos clubs galegos.

O banco prevé dar un impulso ao proxecto en 2022 para conseguir incrementar tanto o volume de redes recuperadas como o número de deportistas beneficiados.