Natalidad

300.000 euros ao programa ChegOU para o fomento da natalidade

A deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de subvencións por un importe superior a 380.000 euros, destinadas a actividades e proxectos nos ámbitos municipal, económico, social e de igualdade.

Óscar Gómez

Ourense | 19.05.2021 08:09

300.000 euros ao programa ChegOU para o fomento da natalidade | onda cero

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, na primeira reunión presencial logo do remate do estado de alarma e baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou as bases que rexerán a concesión de subvencións para o fomento da natalidade, o programa ChegOU, que conta cun orzamento de 300.000 euros.

A estas axudas, que xestiona a Área de Benestar da Deputación, poderán optar todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do presente ano teñan un fillo, adopten ou accedan á tutela de menores. As contías das subvencións corresponderanse coa clasificación dos concellos en cuxo rexistro civil se inscriba o menor, é dicir, 300 euros no caso dos concellos sen prioridade demográfica (graos 0, 1 e 2) e 3.500 para aqueles con prioridade (grao 3). A solicitudes poderán presentarse desde o próximo 1 de xuño ata o 31 de decembro.

Por outra banda e no ámbito económico, a Xunta de Goberno concedeu unha subvención á Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense por importe de 35.000 euros con destino aos congresos de Termatalia e Sportur e da feira Xantar. Tamén contaron co visto bo unha achega de 20.000 euros para gastos de funcionamento da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas; outros 6.000 euros para actividades do Colexio de Economistas de Ourense; e 75.000 euros para a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) con destino ao Plan ExportOU. Tamén a CEO recibirá outra subvención, valorada en máis de 43.500 euros, desta volta para o programa de empregabilidade feminina Reactiva Ourense, mentres que na área social a Fundación de Discapacitados Psíquicos Terras de Celanova contará cunha axuda de 40.000 euros para gastos de funcionamento.

En cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de máis de 47.500 euros ao Concello de Cartelle para a mellora na rede viaria de San Pedro e Outomuro, así como 15.000 euros máis para o campo de fútbol de Salamonde, no Concello de San Amaro. Ademais, as mancomunidades de municipios das comarcas do Carballiño e do Ribeiro recibirán senllas axudas de 50.000 euros para gastos de funcionamento correspondentes a este ano.