Deportes

180 pilotos de 26 países disputarán o “Rally Hispania”

A proba, que conta co apoio económico da Deputación de Ourense, é o único rally internacional “Tour Terrain” en España e primeiro rally europeo con roadbook a color.

Óscar Gómez

Ourense | 07.07.2021 09:35

180 pilotos de 26 países disputarán o “Rally Hispania” | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial aos organizadores da III edición do Rally Hispania, os directivos do Motoclub A Peroxa Manuel Quintas, presidente, e Javier Quintas, con que analizou os detalles desta proba de resistencia, navegación e velocidade para motos de montaña e quads, que reunirá do 16 ao 23 de outubro na contorna da estación de montaña de Manzaneda a 180 pilotos de 26 países.

A proba, que conta co apoio económico da Deputación de Ourense, é o único rally internacional “Tour Terrain” en España e primeiro rally europeo con roadbook a color. Durante cinco días, os pilotos competirán ao longo de 1.500 quilómetros de percorrido para motos, quads e SSV. O obxectivo do evento é unir a beleza natural das paisaxes do oriente ourensán e da contorna da estación de Manzaneda cun dos deportes máis mediáticos do mundo, nunha proba intensa e para todos os niveis de pilotaxe, sendo un verdadeiro test para o obxectivo do Rally Dakar, afirman os organizadores.

Manuel Baltar destacou que a Deputación de Ourense, dentro dos proxectos de apoio á estación de montaña de Manzaneda, “considera importante o desenvolvemento de actividades que combinen o aspecto deportivo co turístico e o de natureza, contribuíndo a promocionar a estación e toda a súa contorna, favorecendo así a estratexia de desestacionalización”, afirma.