O 14º Salón do Automóbil pecha con 265 coches vendidos e máis de 8.000 visitas
Foi unha cita organizada entre Expourense e ACAUTO que reuniu a 15 concesionarios oficiais que representaban a 24 marcas.
O Salón do Automóbil pechou esta tarde en Expourense as portas da súa 14ª edición logo de celebrar a cita adicada ao Vehículo Novo (a pasada semana) e ao Vehículo de Ocasión (cita desta fin de semana). Ambos os dous salóns celebráronse durante 8 xornadas de feira que atraeron ata o recinto de Expourense a máis de 8.000 visitas que mercaron un total de 265 coches. Os organizadores dan por satisfactorios estes resultados e indican que esta feira achegouse ás súas expectativas, tanto no referente ás vendas de vehículos como de visitas recibidas no recinto feiral dende o pasado xoves día 16 de novembro ata esta tarde de domingo. Foi unha cita organizada de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O. que contou coa participación de 15 concesionarios que representan a 24 marcas.
A falta de contabilizar as vendas de última hora de hoxe, calcúlase que entre os dous salóns venderonse 265 vehículos, sendo practicamente a metade novos e a metade de ocasión. Ademais, recibíronse máis de 8.000 visitas, coas tardes do sábado e do domingo como os momentos de maior afluencia de asistentes. A cifra de vendas ascenderá nos vindeiros días, xa que é frecuente que se pechen, durante esta semana e a próxima, operacións comezadas nestes salóns. A esta cifra hai que engadir tamén os 127 coches vendidos durante a última edición do Car Outlet organizada tamén entre Expourense e ACAUTO e celebrada no pasado mes de abril.
Á vista destes datos, o Salón do Automóbil volveu cumprir o seu papel de cita esperada polos expositores, para incrementar as vendas do ano, e tamén polo público que agarda a este salón para mercar o seu novo coches, xa que sabe que no mesmo recinto pode consultar a meirande parte das opcións dispoñibles no mercado.
Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volveu poner en marcha o sorteo, entre aqueles que mercaron un automóbil durante o salón, un bono desconto por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de venta do vehículo adquirido e que supón o desconto máis grande realizado en feiras deste tipo en Galicia. A.C.A.U.T.O. realizará esta semana o sorteo ante notario na sede da Confederación Empresarial de Ourense (o martes 28 de novembro ás 12.00 h.) entre as 265 papeletas que cubriron os compradores. A entrega
do bono desconto terá lugar o luns 4 de decembro no concesionario que tivera vendida o coche cuxo cupón resulte premiado.
A actividade feiral en Expourense continúa xa esta mesma semana coa celebración da sexta edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo, e do Cuarto Congreso Internacional de Turismo e Deporte que terán lugar no recinto feiral os días 30 de novembro e 1 de decembro. Estes dous eventos darán paso xa á actividade deportiva que comeza xa esta semana coa colocación da pista de atletismo cuberta que albergará esta tempada unha vintena de campionatos e competicións entre os que destaca o Campionato de España de Atletismo Absoluto que se celebra entre o 16 o 18 de febreiro de 2024. Mañá luns tamén se retoma a vacinación masiva no recinto.