Municipal

O goberno de Democracia Ourensana levará a pleno a gratuidade dos buses

Pretende implantarse no 2026

Paco Sarria

Ourense |

Bus urbano ourense | youtube

O goberno municipal presentará este outono para aprobación por parte do Pleno do Concello a ordenanza da gratuidade do servizo de autobuses urbanos, para que se poida implantar a mediados do ano 2026. Así llelo avanzou o alcalde de Ourense esta mañá aos demais grupos políticos municipais no transcurso da xunta de portavoces que se desenvolveu na Alcaldía. A proposta do goberno local plasmarase nunha modificación da ordenanza municipal reguladora do servizo. A gratuidade dos autobuses entraría en vigor a mediados de 2026, con cargo ao novo orzamento municipal que o Concello prevé aprobar para o dito ano e co novo contrato do servizo municipal. Ao remate da xuntanza, o alcalde valoraba a boa disposición dos demais grupos políticos para que a gratuidade sexa aprobada por parte do Pleno.

Na mesma sesión, o Alcalde confirmoulles aos grupos que, como xa se anunciara, o vindeiro martes, 16 de setembro, entrará en servizo a nova rede de liñas de autobuses urbanos. “Non se pode frear porque é unha mellora para a maioría”, manifestou o rexedor, xa que “o 95% da xente vai saír beneficiada con esta nova rede, daquela non podemos pospoñela máis”. As novas liñas entrarán en vigor durante unha semana (desde o día 16 ao 22 de setembro) na que os autobuses serán gratuítos.