O escultor Manuel Buciños será Fillo Adoptivo da provincia de Ourense
“Diario de artista” é un conxunto de actividades que se organizan en recoñecemento de Buciños, as cales comezarán cunha exposición no centro cultural “Marcos Valcárcel"
presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou que o escultor Manuel Buciños será Fillo Adoptivo da provincia de Ourense, unha distinción coa que a institución provincial “quere recoñecer os méritos e a traxectoria deste irmán da Ourensanía, un militante activo de Ourense, no que destaca o seu compromiso persoal e profesional coa nosa terra”, expresou Baltar.
O presidente do goberno provincial deu a coñecer esta nova durante a presentación de “Diario de artista”, un conxunto de actividades que se organizan en recoñecemento de Buciños, as cales comezarán cunha exposición no centro cultural “Marcos Valcárcel” e que terá a súa continuidade cun faladorio no Teatro Principal e cun libro, que teñen como protagonista ao escultor.
Esta iniciativa que xira ao redor da figura e da obra de Manuel Buciños está organizada pola Fundación “Xoán Piñeiro”, en colaboración coa Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, e trátase da primeira experiencia cultural deste tipo, que pretende ofrecer unha visión de conxunto dos escultores, na que se combine o repaso ás súas traxectorias co seus puntos de vista e as propias opinións dos artistas. Con Buciños iníciase unha andaina que ten como obxectivo “resituar” a interpretación dunha obra más preto do seu autor, e supón tamén unha revisión da traxectoria do escultor contando con el para ter unha aproximación máis familiar.
Manuel Baltar salientou a figura de Buciños no que destaca, dixo, “o seu compromiso persoal e profesional coa nosa terra, da que fixo arte”. “Grazas a el somos un territorio culturalmente referente”, expresou Baltar, lembrando “os tempos desa xeración chamada dos “artistiñas” da que é un dos máis relevantes referentes. Por iso colaboramos e seguirémolo facendo con cada unha das iniciativas que se fagan a prol de Buciños, un artista de recoñecido prestixio nacional e internacionalmente, con numerosos galardóns que premian á súa traxectoria, aos que terá que unir o de Fillo Adoptivo, que é unha homenaxe da provincia de Ourense pola súa conexión co noso territorio e á súa autoidentificación como ourensán, algo que levamos na nosa alma cultural todos os ourensáns”, remarcou o presidente Baltar.
O acto de presentación das actividades de “Diario de artista” contou, ademais do presidente da Deputación, co propio escultor, Manuel Buciños; o presidente da Fundación “Xoán Piñeiro”, Xesús Vázquez, e o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.
Este proxecto cultural engloba tres actividades: unha exposición (que se inaugura o vindeiro xoves e que permanecerá aberta ata o 3 de maio no centro cultural “Marcos Valcárcel”), na que adquiren protagonismo o artista e o seu taller; un faladoiro (que terá lugar no Teatro Principal), no que o xornalista e escritor Camilo Franco e outros convidados manterán unha conversa con Buciños sobre as súas anécdotas persoais e profesionais; e un libro, Diario de artista. Buciños, que é unha achega á vida do escultor, con textos e cunha reportaxe fotográfica do artista e do taller, así como das súas obras.
Esta iniciativa cultural tenta agasallar e recoñecer ao artista e ao seu labor na plástica contemporánea.