Cristina Pato inicia a súa primeira xira por Oceanía
ristina Pato cumpre 20 anos de carreira profesional como solista coa súa primeira xira por Oceanía, na que ofrecerá 8 concertos en Australia e Nova Celandia con Silkroad Ensemble, a formación fundada polo cellista Yo-Yo Ma
Un dos concertos é no mítico teatro da ópera de Sydney. Catro dos concertos teñen lugar en dúas edicións do maior festival de músicas do mundo, WOMAD, fundado por Peter Gabriel, nas súas sedes de Adelaide (Australia) e New Plymouth (Nova Celandia), onde rematará a xira o 17 de marzo.
Ao regreso dos Antípodas inicia outra rolda de actuacións por Estados Unidos o 28 de marzo en Winston-Salem, que prosegue en Athens, Augusta, Nashville, Bowling Green, Winchester, Santa Barbara, Northridge, Irvine, Berkeley e que pecha en Washington o 5 de maio. E, no medio, un concerto coa súa propia banda o 11 de abril en Vancouver, Canadá.
Así, percorrendo o mundo de Leste a Oeste, celebra os seus 20 anos de carreira profesional como solista, nunha traxectoria artística que desde os últimos compaxina coa súa paixón pola educación. Segue a traballar como conselleira de educación de Silkroad, e colaborando coas facultades de educación da Universidade de Harvard e como profesora, en colaboración co Boston Conservatory, no mítico Berklee College.
Asemade, non perde a súa ligazón con Galicia, tanto desde o seu perfil artístico como desde a banda educativa, ofrecendo conferencias, publicando artigos na prensa diaria e tamén na especializada. É o caso de Grial, onde vén de publicar un texto sobre unha experiencia dende a identidade galega cara aos espazos das industrias culturais no mundo.
Cristina Pato
Gaiteira, pianista, educadora, escritora e produtora. Silkroad: Artista e Asesora de Educación
Cristina Pato é unha mestra gaiteira, pianista clásica e educadora apaixonada. Aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” polo The New York Times, a súa vida profesional está adicada ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a Gaita Galega. Cristina ten actuado en grandes escenarios de todo o mundo e ten lanzado e producido seis discos como gaiteira solista e dous como pianista, e colaborado en máis de 40 gravacións como artista invitada.
A educación xoga un papel esencial na vida persoal e profesional de Cristina. Traballa como Asesora de Educación de Silkroad (fundado por Yo-Yo Ma), e ten traballado como artista residente en varias universidades, incluíndo Harvard e a Universidade de California Santa Barbara, onde desenvolve proxectos educativos interdisciplinares sobre o papel das artes na sociedade. É a fundadora do festival multidisciplinar Galician Connection, e escribe unha columna semanal para o diario La Voz de Galicia.
Activa intérprete, conferenciante e oradora pública, Cristina posúe un Doutoramento en Musical Arts pola Rutgers University (EUA), os títulos superiores de Piano, Teoría da Música e Música de Cámara polo Conservatorio de Musica do Liceu, e un Master en Artes Dixitais (Música Dixital) da Universitat Pompeu Fabra. Cristina está a preparar o seu segundo doutoramento en Estudos Culturais, e é a co-creadora dunha pioneira clase sobre Memoria xunto co neurocientífico Dr. Kenneth S. Kosik.