O Concello de Verin aposta forte polo seu entroido
É un dos vértices do Triángulo Máxico
Ourense |
O Concello de Verín presentou a programación do Entroido 2026, unha edición que aposta con forza por unha celebración vivida nas rúas durante o día, a participación popular, a recuperación das figuras tradicionais e o compoñente gastronómico propio destes tradicionais festexos, incorporando como principal novidade o Xantar do Capuchón, unha iniciativa pensada para poñer en valor unha das figuras máis identitarias da festa.
A programación foi presentada pola concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, quen destacou que «o Entroido de Verín é unha festa que se vive na rúa, desde a mañá ata a noite, e esta programación busca precisamente reforzar ese carácter aberto, participativo e popular que o define».
A programación do Entroido de Verín 2026 desenvolverase entre o xoves (5 de febreiro) de Compadres e o martes de Entroido (17 de febreiro), cun calendario intenso e diverso que converterá a vila nun escenario festivo permanente (5, 7, 8, 12, 13, 14, 15, 16 e 17 de febreiro). En total, o programa suma máis de 165 horas de música en directo e 56 actuacións, entre charangas, grupos, orquestras, animacións itinerantes e actuacións en espazos centrais como a Praza García Barbón e distintas rúas do casco urbano.
No eido musical, o Entroido de Verín 2026 contará cunha destacada presenza de orquestras e grupos de referencia, que protagonizarán as grandes noites festivas na Praza García Barbón.