O CHUO reforza a cooperación internacional con residentes de Mozambique
Son traumatólogos procedentes de Maputo
Ourense |
O Hospital Universitario de Ourense continúa reforzando o seu compromiso coa cooperación sanitaria internacional coa acollida de dous novos residentes de traumatoloxía procedentes de Mozambique, no marco do programa impulsado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e xestionado pola Fundación CSAI do Ministerio de Sanidade.
Coincidindo co inicio desta nova estadía, representantes da Fundación CSAI do Ministerio de Sanidade, que xestiona este programa da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) mantiveron unha reunión, no Hospital Universitario de Ourense, coa dirección e formadores, na que agradeceron o seu compromiso.
Por parte da Fundación CSAI asistiron Irene Bernal, Directora de Programas; Alexandra Molina e Ana Mateo, técnicas de saúde, que compartiron dosrepresentantes da dirección e os xefes dos servizos receptores de residentes estranxeiros, Traumatoloxía, Neurocirurxía, Anestesia e Reanimación e o presidente da comisión de docencia, as súas experiencias e afondaron no desenvolvemento do programa en Ourense.
Residentes de Traumatoloxía en Maputo
Os profesionais que realizan esta nova rotación formativa de seis meses son Quenesio Chipa e Afonso Guiticua, ambos vinculados ao Hospital Central de Maputo e naturais da cidade de Beira.
A directora de programas da Fundación CSAI, Irene Bernal, explicou que “o principal obxectivo desta iniciativa é fortalecer as especialidades médicas e sanitarias en países socios da cooperación española, permitindo que residentes en traumatoloxía, anestesioloxía ou xinecoloxía completen parte da súa formación en hospitais españois”.
Bernal salientou que “esta colaboración permite que os profesionais accedan a novas tecnoloxías, procedementos e metodoloxías asistenciais, co fin de que, á súa volta, contribúan a mellorar os sistemas sanitarios dos seus países e a calidade de vida da poboación”.
A participación no programa ten un carácter bidireccional, xa que tamén profesionais españois participan en misións formativas en Mozambique, Níxer e máis recentemente Mali. Este é o caso da xefa do Servizo de Neurocirurxia Ana Pastor Zapata, con anos de recoñecida experiencia na formación especializada de atención ao paciente politraumatizado, formación que tamen imparte a nivel europeo e internacional, neste marco de cooperación promovido pola AECID.
Nesta liña o presidente da Comisión de Docencia da Área de Ourense, Verín e Valdeorras, Jesús García Mata, resaltou que este programa comezou xa no ano 2017 no Hospital Universitario de Ourense e cualificou a experiencia como “un motivo de satisfacción”, ao considerar que a presenza destes residentes supón contribuír á formación de profesionais que exercen en países con grandes necesidades asistenciais, polo que a súa formación permitirá mellorar a atención sanitaria do seus países de orixe.”
Desde o punto de vista dos propios participantes, Quenesio Chipa valorou moi positivamente a súas primeiras impresións da experiencia en Ourense, destacando “a oportunidade de coñecer novas técnicas e mellorar a nosa capacitación profesional”, destacando a dispoñibilidade de condicións técnicas e recursos asistenciais do hospital de Ourense.
En Mozambique “a incidencia da patoloxía traumatolóxica é moi elevada debido aos accidentes de tráfico, aos que se suma nos últimos anos un importante incremento dos sinistros en motocicleta, o que obriga a atender diariamente un elevado número de pacientes politraumatizados, moitos deles de idade nova” explicou.
Con esta nova estadía formativa, o Hospital Universitario de Ourense reafirma o seu compromiso coa cooperación internacional e coa formación de especialistas que contribuirán á mellora da asistencia sanitaria nos seus países de orixe.