O concello de Ourense mellorará 13 pasos de peóns con sinalización luminosa
Cun orzamento de 418.000 euros, o proxecto prevé actuar en puntos sensibles pola intensidade de tráfico e accesos a centros sanitarios, educativos, sociais e deportivos.
O Concello de Ourense inicia a execución de obras de mellora da seguridade en 13 pasos de peóns da cidade nos que se ampliarán as beirarrúas e se instalará sinalización luminosa automática por detección de peóns. Esta actuación, incluída no proxecto Moveourense, ten un orzamento de licitación de 418.960 euros e un prazo de execución de 6 meses. Está cofinanciada con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade Sostible e Axenda Urbana, e financiado pola Unión Europea NextGenerationEU. As obras serán executadas pola empresa Misturas, Obras e proxectos, S.A.
Esta é unha das actuacións que o Concello de Ourense presentou na súa solicitude para a convocatoria do “Programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano”. O seu obxectivo é mellorar a accesibilidade en 13 pasos de peóns da cidade que actualmente posúen deficiencias que convén mellorar, coa finalidade de fomentar a seguridade viaria, a accesibilidade universal e a non discriminación das persoas con discapacidade no acceso e na utilización dos espazos públicos urbanizados.
A intervención consiste na ampliación da zona de estancia para peóns mediante o incremento de beirarrúas e o reforzo da iluminación viaria nos propios pasos, e a activación dun sistema de iluminación intermitente e automática no chan, que se activa mediante fotocélulas de detección de peóns. Prevese actuar en 13 pasos de peóns, en puntos especialmente sensibles en vías de especial intensidade de tráfico e accesos a centros sanitarios, educativos, sociais e deportivos. As intervencións levaranse a cabo nas rúas da Saínza, Avilés de Taramancos, Ramón Puga, Xoán de Nóvoa, Basilio Álvarez, María Soledad da Cruz, Sáenz Díez e Canle e nas avenidas da Habana, Rodríguez Castelao e Vista Fermosa.
--