RESIDENCIAS PÚBLICAS

A Deputación aposta por unha atención pública, digna e de primeira calidade poñendo no centro ás persoas maiores

O Presidente da Deputación, José Tomé, resalta que o modelo de residencias provincial favorece o benestar e a tranquilidade dos usuarios e as súas familias, crea emprego sostenible na zona na que se implantan e axudan a fixar poboación na contorna

Rubén Dorado

Lugo |

O Presidente, José Tomé, visita unha das residencias da Deputación | EP

A Deputación de Lugo conta cunha Rede de Protección Social que ten como un dos piares a rede de residencias públicas para persoas maiores, ademais do servizo de teleasistencia domiciliaria e o apoio ao servizo de axuda no fogar dos concellos. O Presidente da institución provincial explica que con este sistema asistencial, a Deputación favorece o benestar social, a conciliación e xera actividade económica e emprego sostible con máis de 225 postos de traballo directos, aínda non tendo as competencias en servizos sociais, pois estas recaen na comunidade autónoma, segundo establece o Estatuto de Autonomía.

A institución provincial conta nestes momentos con nove centros públicos de atención a maiores na provincia situados nos municipios de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil con capacidade para máis de 300 veciños e veciñas da provincia.

Manter o arraigo e a calidade de vida

As instalacións dos centros de maiores da Deputación están pensadas para poucos usuarios con fin de garantir que reciban os coidados e servizos que precisan e aos que teñen dereito, preto do seu lugar habitual de residencia. A institución facilita que cada persoa poida permanecer no lugar no que fixo a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas e atendidos por persoal que na súa maioría é da súa zona e mesmo coñecen. Todo isto favorece a súa calidade de vida, e tamén o seu benestar emocional.

Usuarios desfrutan do verán na piscina | EP

O modelo da Deputación, en cooperación cos concellos nos que se asentan os centros, establece que o acceso ás prazas sempre é de xeito para os veciños do municipio; en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da comarca; e logo para lucenses en xeral. Todos os veciños, independentemente da súa situación económica, poden acceder a estas prazas, posto que os usuarios pagan en función da súa capacidade económica.

Un modelo 100% público

A Deputación ten implantado un modelo de xestión das residencias 100% público, de proximidade e de calidade asistencial, que pon no centro ás persoas, e non busca o negocio. Un sistema que favorece o benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos maiores e das súas familias, e que, ademais ten un retorno económico importante na zona na que están instaladas, pois crean emprego sostible e fixan poboación.

Usuarios realizan tarefas manuais | EP

O persoal traballa de maneira moi activa cos residentes para achegarlles os mellores coidados e atencións, tentando exercitar diferentes facetas que resultan esenciais para manter o envellecemento activo dunha forma lúdica e versátil. Nese sentido, apóstase por coñecer de maneira particular as inquedanzas e gustos de cada quen, espremendo os talentos e espíritos creativos.