Pesca

Comeza a veda do polbo en Galicia

Queda expresamente prohibida a captura desta especie en augas nas que Galicia ten competencias e tamén para a pesca marítima de recreo.

A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan experimental do polbo, co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.

A Consellería do Mar e o sector consensuaron un novo plan do polbo para o vindeiro ano, que entra en vigor mañá e que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda.

Redacción

Santiago de Compostela | 29.04.2021 11:19

Comeza a veda do polbo en Galicia | Xunta

A veda do polbo en Galicia comezará mañá e rematará o 5 de xullo de 2021. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2021/2022, que establece o período de veda do polbo para este ano entre as 16:00 horas de mañá, 30 de abril, ata as 05:00 horas do luns 5 de xullo. As capturas desembarcadas o 30 de abril poderán ser comercializadas tamén o 1 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.

O período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan de experimental da especie co fin de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.

Plan 2021-2022

A Consellería do Mar e o sector consensuaron un novo plan do polbo para o vindeiro ano, que entra en vigor mañá e que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este plan, a partir do día 5 de xullo -data na que remata a veda- ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilogramos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos ao día. No resto da campaña a cota máxima será de 50 quilogramos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilogramos por día